A Xunta comete "varios incumprimentos" na valoración do grao de discapacidade
"Esta modificación levou a cabo dunha forma oscurantista sen ter dado información ás usuarias e usuarios", denuncian
Galicia é a única comunidade autónoma que inclúe na solicitude de recoñecemento do grao de discapacidade a posibilidade de renunciar á valoración dos factores sociais complementarios. Na sede electrónica, ademais, a opción marcada de forma predeterminada é NON.
O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) vén de denunciar esta e outras irregularidades na valoración de discapacidade na comunidade. "Desta forma, as persoas galegas con discapacidade quedan en desvantaxe con respecto ao resto do Estado", din desde o Colexio, e "poden estar a renunciar a 15 puntos na valoración sen ser conscientes".
Desde o COTSG expoñen que, de acordo ao Real Decreto 1971/1999 que regula o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade, o recoñecemento ten que ser "uniforme en todo o territorio do Estado". Así, Galicia estaría a incumprir a normativa.
No mencionado Real Decreto establécese ademais que os órganos competentes para este tipo de ditames teñen que estar formados "polo menos" por "médico, psicólogo e traballador social". O non dispoñer "en moitos casos" de equipos de valoración completos, explican desde o COTSG, implicaría de novo que a comunidade incumpre a norma. "Ademais, o NON da solicitude implica que o ditame non vai completo porque falta a valoración da ou o traballador social".
Para a entidade esta modificación levouse " a cabo dunha forma oscurantista sen ter dado información ás usuarias e usuarios dos cambios nos formularios e das consecuencias que isto pode implicar". Ademais, consideran que e priva a traballadoras sociais "das súas funcións", e que a "valoración dos factores sociais complementarios en función do criterio de petición por parte da persoa solicitante xera graos de discapacidade diferentes ante situacións semellantes".
Así mesmo, a normativa galega refírese ao carácter da valoración dos factores sociais como complementarios, non como optativos ou excluíntes. "Xa non é que contradigan a normativa estatal", apuntan desde o COTSG, "contradinse a si mesmos". A mesma lexislación establece que a valoración por informes prodúcese só en casos excepcionais, unha entrevista social que desde a entidade consideran imprescindible, porque é onde "se contrastan, amplíanse e concrétanse datos en relación co obxecto da valoración".
O Colexio de Traballo Social aproveitou para denunciar os "atrasos na valoración de galegas e galegos, de ata tres anos en Vigo e Pontevedra", e enviou unha proposta de modificación da solicitude de recoñecemento do grao de discapacidade á Consellería de Política Social.
Escribe o teu comentario