Galicia, a terceira comunidade con menor porcentaxe de vivenda protexida
En Marea denuncia que Galicia sitúese á cola na defensa do dereito a unha vivenda digna
En Marea denuncia que Galicia sitúese á cola na defensa do dereito a unha vivenda digna. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística do primeiro semestre de 2018, a nosa comunidade rexistra os peores datos, só por diante de Baleares e Canarias.
Os datos "deixan en evidencia os efectos altamente negativos da política da Administración Feijóo sobre a vivenda e singularmente sobre a vivenda de protección", declarou o viceportavoz, Antón Sánchez. A estatística de transmisión de vivenda é dun 4,78% en Galicia, moi lonxe de Asturias con 17,97%, a maior porcentaxe de todo o Estado.
Estatística de Transmisión de vivendas | Elaboración: En Marea | Fonte: INE
Para Sánchez os datos non son "accidentais, casuais ou puntuais", senón que responden á decisión da Xunta "de acabar coa vivenda protexida". "Os datos relativos ao número de vivendas indicadas e a súa porcentaxe sobre o total, no período de goberno de Feijóo son suficientemente elocuentes", afirmou.
Segundo os datos do INE, en 2015 e 2016 iniciáronse 5 e 4 vivendas respectivamente, é dicir, 0,30% e un 0,19% de todas as iniciadas. Se o comparamos coa media española, dun 10,49% e 10,48% nos mesmos períodos de tempo, Galicia ten entre 35 e 50 veces menos que o resto do Estado.
"Hai que lembrar que en 2017 volveron incrementar os desafiuzamentos en Galicia e segue habendo grandes dificultades de acceso a unha vivenda para amplos sectores da poboación", destacan desde En Marea.
Para o viceportavoz "son unhas cifras escandalosas que se suman a unha paupérrima construción de vivenda de promoción pública por parte da Xunta". Así as cousas, a formación anunciou que presentará un paquete de iniciativas lexislativas para "garantir o dereito á vivenda dos galegos e galegas".
Escribe o teu comentario