"Moi alterado" salta encima dun bus e rompe un coche policial
Un home de 38 anos foi denunciado ante o Xulgado de garda na Coruña, despois de ser detido pola Policía Local por saltar encima dun autobús urbano e dun vehículo estacionado, e provocar danos no coche policial no que foi trasladado.
Bus urbano na Coruña / Mark Gasoline Wikimedia
A PANCADAS COA POLICÍA
Os feitos ocorreron na madrugada do sábado, ás 06,35 horas, segundo informaron fontes da Policía Local. Os axentes foron requiridos a través do 092, ante o aviso dun particular de que un home saltara encima dun coche estacionado e despois subiuse encima dun autobús, na zona de Porta Real.
O home, con "actitude moi alterada", respondeu con patadas e puñadas aos axentes que lle solicitaron a identificación, polo que foi detido e reducido.
COCAÍNA
Con todo, xa no coche policial, continuou coa súa actitude agresiva e rompeu o biombo interior e a porta traseira dereita. Debido ao estado de alternación que presentaba, a Policía Local solicitou a presenza dunha ambulancia do 061, que o trasladou ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
Entre as súas roupas, foille localizada unha substancia que "aparentaba ser cocaína", polo que se lle cursou a correspondente denuncia por infrinxir a Lei de Protección de Seguridade Cidadá.
Por todo isto, o home, veciño da Coruña, foi denunciado ante o Xulgado de garda por un concurso de delitos de danos en varios vehículos e resistencia grave a axentes da autoridade no exercicio das súas funcións, quedando custodiado a disposición xudicial.
DETIDO POR DANOS EN OITO VEHÍCULOS APARCADOS
Por outra banda, na madrugada deste domingo, a Policía Local detivo na rúa Manuel García Canzobre da Coruña a un mozo por, supostamente, provocar danos en polo menos 8 vehículos estacionados, coa rotura de espellos retrovisores, limpa parabrisas ou a tapa do depósito.
Os feitos ocorreron ao redor das 06,35 horas da madrugada. O detido é un mozo de 26 anos e veciño da Coruña, que foi trasladado a dependencias policiais e quedou nos calabozos policiais a disposición xudicial.
Escribe o teu comentario