Segundo a Policía Nacional non existe unha rede de matrimonios de conveniencia en Lugo
Unha sentenza do TSXG recolle a posible existencia de unha "rede ilegal, a través da cal cidadáns ou cidadás de Nixeria tratan de regulariazar a súa anómala situación en España"
A comisaría da Policía Nacional en Lugo nega a existencia na provincia dunha suposta rede de matrimonios de conveniencia para obter a nacionalidade española.
Fontes policiais advirten que na unidade de estranxeiría "revisan" todos os matrimonios "con estranxeiros" e xa "sexan favorables ou desfavorables" remítense á Xunta.
Este desmentido prodúcese logo dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre a existencia da devandita rede para regularizar persoas de nacionalidade nixeriana. Segundo publica o diario O Progreso a sentenza recolle que o caso "induce a pensar nunha posible rede ilegal, a través da cal cidadáns ou cidadás de Nixeria tratan de regulariazar a súa anómala situación en España". O TSXG conclúe así unha investigación iniciada o ano pasado pola Oficina de Estranxeiría de Lugo por mor dun matrimonio entre un home nixeriano e unha muller da mesma nacionalidade con autorización de residencia.
Desde a comisaría non esconden que detectaron casos, aínda que en Estranxeiría "non perciben que haxa unha rede" para a concertación deste tipo de unións.
Escribe o teu comentario