O eucalipto, árbore pantasma na presentación do novo Plan Forestal
A Xunta de Galicia presentou hoxe o seu Plan Forestal. Durante os 10 minutos que o presidente dedicou a presentalo non nomeou nin unha soa vez a palabra eucalipto. Cando tomou o estrado a conselleira de Medio Rural na rolda de prensa tras o Consello da Xunta tampouco nomeou este arbol. De feito, a palabra "eucalipto" nin aparece na nota de prensa de presentación do plan, a pesar de ser o activo económico máis importante do monte galego e foco dunha gran polémica pola súa relación cos incendios.
A Xunta de Galicia presentou hoxe o seu Plan Forestal. Durante os 10 minutos que o presidente dedicou a presentalo non nomeou nin unha soa vez a palabra eucalipto. Cando tomou o estrado a conselleira de Medio Rural na rolda de prensa tras o Consello da Xunta tampouco nomeou este arbol. De feito, a palabra "eucalipto" nin aparece na nota de prensa de presentación do plan, a pesar de ser o activo económico máis importante do monte galego e foco dunha gran polémica pola súa relación cos incendios.
Non foi ata que Galiciapress preguntou pola previsión de máis superficie desta especie cando Ángeles Vázquez nomeou ao eucalipto e admitiu que a superficie prevista aumentará das 307.000 hectáreas actuais ata as 332.000.
DE CADA DEZ NOVAS HECTÁREAS DE ÁBROLES, TRES SERÁN DE EUCALIPTO
Son 25.000 hectáreas máis sobre o aumento de 80.000 hectáreas previsto para o total de masa arborada. É dicir, de cada dez novas hectáreas plantadas, tres serán de eucalipto.
Isto a pesar de que no borrador de Plan Forestal, a propia Xunta admitía que o eucalipto é un dos factores que explican as contínuas vagas de incendios. E a pesar de que o Goberno tamén admitía que as previsións do anterior plan forestal para o eucalipto foron violadas, cun crecemento exponencial. E a pesar de que Medio Rural incide que o Plan busca, precisamente, limitar o problema dos lumes que arrasan Galicia unha e outra vez.
A XUNTA APUNTA QUE Os PROPIETARIOS O QUEREN
Aínda así, Vázquez defendeu as especies de "crecemento rápido" e defendeu a necesidade de xestionar o monte "sen demonizar" ningunha planta. Tamén deixou caer que a expansión do ecualipto débese en parte a que os paisanos apostan por el, o cal é rigorosamente certo, pois o 96% do monte galego é de propiedade privada ou das mancomunidades de montes.
Da moratoria que barallou a Xunta hai meses, para prohibir a expansión de eucalipto en certos concellos do interior, non hai nin rastro. Moito menos da moratoria xeral que impulsou Portugal o ano pasado.
UNHA ÁRBORE QUE DÁ ALGO DE DIÑEIRO Ao RURAL
Por que a Xunta segue sen abordar o problema do eucalipto? O goberno atópase atrapado entre dous polos. Por unha banda, gran parte do electorado urbano é crítico co evidente abuso dos eucaliptais, con miles de hectáreas plantas en lugares -como labradíos- prohibidos por Lei, e que consideran unha tara paisaxística e pirófila.
Doutra banda, os eucaliptos achegan unha renda, pequena pero significativa, a miles de propietarios do rural, onde o PP ten o seu gran caladoiro de votos. Ademais, son a materia prima de ENCE, a empresa da celulosa de Pontevedra en cuxo consello de administración senta un ex-conselleiro, Carlos do Álamo, e unha ex-ministra, Isabel Touciño, os do PP.
Brigadas desecualiptizadoras de Verdegaia
A Xunta optou por un Plan que recolle un incremento do 8% para eucaliptos, ata unhas 332.000 hectáreas; pero que tamén propón aumentar piñeiros, castiñeiros e caducifolias e potenciar subsectores como o da castaña e o mel ecolóxico. Nestes aspectos, máis vendibles para a opinión pública, é onde o Goberno pon a énfase, afastando o foco do eucalipto, máis agora que entramos na época de máximo risco de incendios.
OS SINDICATOS AGRARIOS TAMPOUCO PIDEN UNHA MORATORIA
O aprobado hoxe no Consello da Xunta aínda ten que pasar o filtro do Parlamento. Pasarao, porque o PP ten maioría absoluta e porque os ecoloxistas seguen sendo os únicos abertamiente críticos coa especie.
A industria e os madeireiros, loxicamente, non queiren oír falar de moratorias. Os sindicatos agrarios, conscientes de que miles dos seus afiliados plántanos en zonas ilegais, nadan entre dúas augas, por unha banda piden límites e ordenación de esta especie pero tampouco apostan por máis prohibicións, como moito que se fagan cumprir unhas normas que se seguen violando á vista de todos.
UN CUARTO DE SÉCULO SEN PLAN PARA O MONTE
O anterior Plan Forestal data de 1992. Son 26 anos sen un documento actualizado para xestionar o monte galego. Ángeles Vázquez prometeu que isto non sucederá outra vez, actualizando o Plan cada cinco anos.
Váquez alega que o texto busca unha repartición "equilibrada" do territorio forestal, "sen demonizar ningunha especie".
Así as cousas, o 52% do territorio forestal galego destinarase a produción de madeira, o 23% a frondosas actóctonas e castiñeiras e o 24% a espazos abertos e pastos, segundo resume Europa Press.
OS DATOS DE ESPECIES, SEN ALEGACIÓNS
Este e o resto de datos por especies foron presentados polo director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, en abril na comisión parlamentaria que se creou para estudar a problemática dos incendios forestais tras a onda do pasado outubro, que arrasou unhas 50.000 hectáreas en apenas un fin de semana e cobrouse catro vidas.
Esta planificación por especies non recibiu ningunha alegación, segundo resaltaron fontes da consellería consultadas por Europa Press. Como o documento atópase en trámite de información pública, aínda poderá recibir achegas.
O modelo para os próximos 20 anos, que cada goberno poderá revisar "cada cinco anos", segundo resaltou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, tamén propón incrementar os piñeirais, en concreto ata case 530.000 hectáreas (desde unhas 433.000 hectáreas actuais), de modo que supoñan un 26% da superficie forestal.
Os bosques mixtos (con piñeiros, eucaliptos e frondosas), que actualmente ocupan unhas 253.000 hectáreas, deberán diminuír, segundo o plan revisado, ata unhas 198.000 hectáreas, algo máis do 9% da superficie actual.
Para as caducifolias tamén prevé un aumento, das 366.000 hectáreas actuais ata máis de 400.000 (o 19,75% do monte); do mesmo xeito que para os castiñeiros, que dentro de 20 anos terían que acaparar un 3,52% do monte, con máis de 71.000 hectáreas (actualmente son unhas 45.500 hectáreas).
O documento establece para o arboledo ralo, matogueiras e pastos, que supoñen hoxe en día 622.720 hectáreas, unha rebaixa ata 496.831 hectáreas, ou, o que é o mesmo, o 24,47% do monte.
A intención do Goberno galego é ter aprobado este documento a finais de 2018 ou a principios de 2019, "dependendo do número de achegas".
EN BUSCA DO "MÁXIMO CONSENSO"
Ademais, Núñez Feijóo subliñou que incorporará, "no seu caso", as conclusións que elabore a comisión de incendios. Tanto el como a titular de Medio Rural fixeron fincapé na vontade de buscar o "máximo consenso" cos distintos axentes implicados e con toda a sociedade.
Así mesmo, informaron de que as medidas que contempla o plan supoñen 112 millóns de euros en 2018 e planifícase un incremento sostido anual do 1%.
O documento incorpora figuras como a do sivicultor activo, inclúe as directrices de xestión forestal en espazos protexidos, fomenta as modalidades xurídicas de agrupación dos montes e leva a cabo, segundo a Xunta, unha promoción "decidida" da cultura forestal.
A maiores, prevé a creación do observatorio forestal de Galicia e dun sistema integrado estatístico sobre esta materia no ámbito autonómico. No ámbito normativo, propón o desenvolvemento e a simplificación da lexislación autonómica en vigor.
Escribe o teu comentario