Golpe para Feijóo, vitoria para Baltar nas primarias do PP
Analizamos como queda o equilibrio de poderes no PPdeG tras o resultado dunhas primarias conservadoras nas que o baltarismo marca territorio -e máis que pode marcar no Congreso cos seus compromisarios- e Feijóo queda en fóra de xogo.
Os resultados das primarias do PP deixan ao aparello dos conservadores galegos nunha posición precaria a nivel estatal. Non só a candidata máis votada en Galicia está fóra da carreira final, senón que o baltarismo logrou demostrar quen segue levando as rendas do partido en Ourense.
Baltar, Cospedal e Feijóo nunha pasada campaña electoral
Manuel Baltar é o vencedor do proceso en Galicia. Como adiantou Galiciapress, o PP de Ourense tiña a ocasión perfecta para plantarlle cara á cúpula da Nécora sen correr demasiadas regas. Baltar apostou por Soraya Saéz de Santamaría, que gañou as primarias en España e nesa provincia. A cúpula do PP galego por María Dores Cospedal, eliminada na primeira volta.
Claro que ningún dos bandos fixo pública a súa preferencia. Agora ben, tendo en conta o elevadísimo porcentaxe de cargos públicos, máis do 40% que constituíron o censo, sería inxenuo pensar que a vitoria de Cospedal na Coruña, Pontevedra e Lugo e o seu segundo posto en Ourense sexan produto do libre albedrío da militancia.
Como tampouco é casualidade que en Ourense vencese a ex-vicepresidenta do Goberno. Dos seis precandidatos, Soraya Saez de Santamaría era a máis distante con Feijóo. Cando era a número 2 de Mariano Rajoy, a penas pisou a autonomía, nin siquera en campaña.
Ademais, para explicar a agónica renuncia de Feijóo a competir, moitos apuntan ao medo a dossieres ou máis fotos con Marcial Dourado. Dossieres e filtracións cuxo orixe os rumores sitúan precisamente na contorna da ex-responsable do CNI. Unha Soraya que nun recente acto en Ourense chegou a dicir que quería gañar as primarias "como gaña Baltar", a pesar da coñecida rede clientelar do baltarismo, evidenciada aínda esta semana en unha sentencia que anula un concurso na Deputación.
Baltar con Santamaría en Ourense
En definitiva, un claro golpe encima da mesa do PPdeG por parte do baltarismo. Se alguén tiña algunha dúbida, está claro que a un eventual sucesor de Alberto Nuñez Feijóo á fronte do PPdeG viríalle ben non buscar guerra na capital das Burgas.
Certo é que o combate continúa. A vitoria de Sáez de Santamaría pode ser pírrica, se ao final cae derrotada no Congreso Extraordinario polos compromisarios de María Dores de Cospedal que Pablo Casado quere sumar á súa causa.
Como fixeron nas primarias, é improbable que Feijóo e Baltar decántense publicamente por unha opción. Como demostran os resultados do xoves, vénlles mellor non mollarse en público. Agora ben, os dous poden poñer prezo aos seus compromisarios.
E aí Baltar sairía reforzado, porque Ourense está sobrerepresentado respecto do seu escuálido peso demográfico. Pola contra, a masa militante (75% do criterio de repartición de compromisarios) e a colleita electorais nas xerais (25%) ourensá é especialmente poderosa.
Isto explica, por exemplo, que Ourense (73) teña case tantos compromisarios como unha provincia con moito máis peso demográfico, A Coruña (78).
Escribe o teu comentario