Primeira bolsa de emprego temporal da Xunta para persoas con discapacidade intelectual
A Xunta de Galicia vai activar por primeira vez unha bolsa de emprego temporal reservada para persoas con discapacidade intelectual. O prazo de inscrición comeza este xoves 28 de xuño e estará aberto ata o 15 de xullo.
As persoas que se apunten nesta lista poderán traballar nas consellerías con contratos temporais. Os postos que ocuparán están especificamente adaptados para persoas con discapacidade intelectual. Así, a Xunta explicou que utiliza esta lista para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos.
Os aspirantes á bolsa teñen que cumprir un requisito: ser admitidos nas oposicións que se convocaron en 2016 para a categoría de ordenanza do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta.
A orde da lista establecerase segundo a puntuación que obtivesen nestas oposicións. Ademais, a puntuación que conseguiron os candidatos que superaron o primeiro exercicio da oposición será valorada como "mérito".
Doutra banda, a Xunta lembrou, nun comunicado, que convocou en abril 24 novas prazas de emprego público, nas segundas oposicións que se realizan na Administración galega reservadas exclusivamente a persoas con discapacidade intelectual.
Escribe o teu comentario