Os camiños xacobeos volven encherse de música con Voces no Camiño
A segunda edición de Voces no Camiño arrinca o 22 de xuño na Igrexa de San Martiño de Loiro, e busca "poñer voz neses camiños esquecidos da provincia de Ourense"
As peregrinas e peregrinos que camiñen ata Santiago en xuño, agosto, outubro e decembro atoparanse con música ao seu paso pola provincia de Ourense. 'Voces no Camiño 2018', o II Ciclo de Encontros de Agrupacións Vocais no Camiño de Santiago, ofrecerá nove concertos en diferentes puntos da xeografía ourensá.
Este luns 18 representantes de a Deputación de Ourense, a Coral Aqua Música e a Banda do Camiño participaron xunto á directora do proxecto, María del Carmen González, na presentación do ciclo que empezará o día 22 de xuño na Igrexa de San Martiño de Loiro e o 23 na Catedral de Ourense. Así, o 24 será a cita musical en Xunqueira de Ambía, pechando o mes o día 30 en Camiño Real de Cudeiro.
"A música é un altofalante para levar o noso coñecemento da provincia a outros sitios, e grazas á Deputación de Ourense e á colaboración de varios concellos da provincia, podemos poñer voz neses camiños esquecidos da provincia de Ourense", apuntou a directora de 'Voces no camiño de Santiago' durante o acto.
Escribe o teu comentario