"A resposta social ás Brigadas Deseucaliptizadoras está a ser realmente espectacular"
O sábado 26 a Brigada do Ribeiro deseucaliptizará unha parcela en Lentille, Cenlle. "É fundamental o compromiso dos titulares coa conservación dos valores naturais que se queren protexer e recuperar", subliñan desde a asociación.
- "As Brigadas pretenden ser unha iniciativa a longo prazo que ofreza resultados tanxibles nos territorios nos que actúe e, para iso, é fundamental o compromiso dos titulares coa conservación dos valores naturais que se queren protexer e recuperar"
- Ao acabar a intervención, e tras a comida popular, o sábado 26 haberá un taller de combate da avispa velutina e unha saída para gozar da paisaxe do Ávia
-
Na interveción de abril en Froxán as voluntarias eliminaron eucaliptales, plantaron case 800 pés de árbores frondosas nativos e levaron a cabo traballos para a recuperación dun humidal
Brigada do Barbanza o 21 de abril | Imaxe: Verdegaia
Este sábado 26 de maio a Brigada do Ribeiro aterra en Cenlle. Trátase dunha iniciativa de voluntariado ambiental que impulsa a asociación ecoloxista Verdegaia que se organiza de forma comarcal para "facer fronte á degradación dos ecosistemas que causa a presenza do eucalipto e outras especies exóticas invasoras (EEI)", como nos conta o membro das Brigadas, Joám Evans Pim, en conversación con Galiciapress.
Da colaboración de Verdegaia xunto á Sociedade Histórica e Cultural Coluna Safins e a Comunidade do Monte Veciñal de Froxán, resultou a primeira das cuadrillas. A Brigada do Barbanza, "unha de moitas por todo o país" segundo o brigadista, inaugurou o proxecto da asociación.
Precisamente a primeira xornada de deseucaliptización desenvolveuse na área conservada pola Comunidade de Froxán, en Lousame, e participaron máis de 40 voluntarias. Entre todas eliminaron eucaliptales, plantaron case 800 pés de árbores frondosas nativos e levaron a cabo traballos para a recuperación dun humidal.
En Lentille (Cenlle), a brigada estará dinamizada por "un grupo de veciñas moi activos no combate da acacia e da avispa velutina, que son algúns dos principais problemas ambientais que enfronta a comarca", cóntanos Joám. O pasado 10 de maio un incendio forestal calcinou 25 hectáreas no municipio de Cenlle, na parroquia de Laias. A parcela na que traballará a Brigada do Ribeiro non foi afectada polo lume, "pero a súa situación, invadida pola acacia, débese precisamente á sucesión de incendios do pasado", apunta o brigadista.
"En pouco máis dun mes xa se apuntaron case 200 persoas como brigadistas, e a resposta social ao proxecto está a ser realmente espectacular", indica Joám. Durante estas actuacións "a seguridade das persoas é fundamental", polo que desde a asociación limitan o número de voluntarias a 30 -dividiranse en equipos de 5, un dos cales cortará con motosierra mentres que os outros recollen os restos-.
Sobre a asociación, Joám conta que "o papel de Verdegaia é facilitador, poñendo en contacto brigadistas e titulares de terreo, e cubrindo cuestións básicas como son os seguros de accidentes e responsabilidade, que poden ser prohibitivos para pequenos colectivos rurais". A idea é que o formato de as brigadas amplíese por todo o país da man de entidades locais e particulares, e, como rede, "tamén operan como un banco de ferramentas para uso común". Dentro das súas posibilidades, apunta Joám, achegan "financiamento para impulsar o proxecto".
Brigada do Barbanza o 21 de abril | Imaxe: Verdegaia
Estas cuadrillas tamén teñen un "compoñente lúdico e educativo", e ao acabar a intervención as voluntarias participan nunha comida popular e, este sábado 26, "haberá un taller de combate da avispa velutina e unha saída para gozar da paisaxe do Ávia", indica o brigadista. Desde Verdegaia tentan que todas as actuacións teñan un formato similar.
"As Brigadas pretenden ser unha iniciativa a longo prazo que ofreza resultados tanxibles nos territorios nos que actúe", apunta Joám, "e, para iso, é fundamental o compromiso dos titulares coa conservación dos valores naturais que se queren protexer e recuperar", sentenza. As Brigadas do Barbanza e do Ribeiro xa están operativas e as ecoloxistas confían en que "en breve" empecen a funcionar a da Costa da Morte, Vigo e Trasancos.
Escribe o teu comentario