​Entrevista á alcaldesa de Lugo: “Temos que defender a igualdade nas rúas porque temos un problema como sociedade”

A alcaldesa de Lugo non se morde a lingua cando se lle pregunta pola sentencia á Manada. “Volvemos todos a ser violados novamente”, di nesta entrevista con Galiciapress. O ascenso do Breogán, a situación das contas do concello e a lea con Martínez na Deputación son outros temas da conversa cunha Lara Méndez que se mostra con gañas de presentarse de novo á alcaldía .


|

A alcaldesa de Lugo non se morde a lingua cando se lle pregunta pola sentencia á Manada. “Volvemos todos a ser violados novamente”, di nesta entrevista con Galiciapress. O ascenso do Breogán, a situación das contas do concello e a lea con Martínez na Deputación son outros temas da conversa cunha Lara Méndez que se mostra con gañas de presentarse de novo á alcaldía.



Lara mendez 1



Como valora a sentencia xudicial á Manada. Como muller e como política que lle parece?


Como muller, como responsable pública, incluso como cidadá dunha sociedade creo que hoxe volvemos a ser todos violados novamente.


Unha valoración ben dura.


Cando un consente o consentimento é claro, é un si. O consentimento non é un non ou unha calada por resposta porque estás en inferioridade e desprotexida a todos os niveis. Como demócrata, como cidadá dunha sociedade de dereito moitas veces non queda outra que acatar as resolucións xudiciais. Non significa que sempre esteamos de acordo.


Que valores sociais cre que hai detrás desta sentencia? É un problema cultural?


Como sociedade temos un problema, incluso unha involución na consecución da igualdade real. Xa o estamos vendo, máis casos de violencia machista, de misoxinia, de diferencias salariais entre homes e mulleres a outras cuestións. Como sociedade estamos retrocedendo. De feito volve a xurdir un movemento feminista, fálase xa desa cuarta onda de feminismo. Demos unha mostra o 8 de marzo; saíndo á rúa tantas e tantos mulleres e homes, afortunadamente, porque a igualdade non é cousa só das mulleres: é cousa da sociedade. Dimos esa mostra o 8 de marzo e desgraciadamente teremos que seguir dándoa porque como sociedade temos un problema.


Falando de política municipal, acaban de lograr sacar adiante os orzamentos, pero despois dunha moción de confianza. Como valora o papel da oposición neste proceso?


En corporacións como a de Lugo, tan fraccionada, con seis forzas, está claro que cada un tería o seu orzamento ideal. O que non se entende é esa negativa do non polo non, para non facer inversións na cidade. Moitas das cuestións que nos levabamos no orzamento son acordos que están aprobados por unanimidade no pleno. Polo tanto, están desprestixiando ao pleno. Acordos que despois non podemos executar pola falta de orzamentos. Piden que se fagan infraestruturas ou actuacións de accesibilidade -como os ascensores do Sagrado Corazón ou Fontiñas- e despois non dotalas de orzamento é contraditorio. Esa negativa a non facer investimentos na cidade e ter unha cidade paralizada por non intentar chegar acordos é algo que custa comprender. A cidade de Lugo non podía estar outro ano máis cun orzamento prorrogado e por iso fixemos a cuestión da confianza, abrindo a porta a unha moción de censura.


Pero cal é a situación real no día a día do Concello, a prensa local falou esta semana incluso de que o Ministerio Facenda podía intervir o municipio …


É certo que ás veces non cumprimos co período medio de pago, pero moitas veces por problemas alleos, non debido a non ter vontade de pagar ou por non ter capacidade orzamentaria. Ás veces é debido a cuestións como a aplicación da facturación electrónica, a falta de cadro de persoal para revisar as facturas … e isto fai que ás veces superemos ese período medio de pago. Hai unha normativa que di que nestes casos Facenda podería tutelar, pero é que xa estamos tutelados en certa medida pola Administración central. Esta Lei tan restritiva que nos impuxeron aos gobernos locais, co seu teito de gasto ...Eu podo entender que nos impidan superar un límite de débeda, e do contrario intervirnos; pero se un concello non supera a débeda e ten unhas contas saneadas non poden vir a dicir onde teño que investir, porque os que coñecemos onde temos que investir somos nós, que estamos en contacto directo coa cidadanía, que sabemos das súas necesidades. Facenda non só nos di “non gaste tanto” senón tamén en que o podemos gastar. Polo tanto, esa tutela das administracións desgraciadamente existe. É unha lei inxusta que está a estrangular a administración local.


Que aprendeu da experiencia de ter en gobernar en minoría?


A pluralidade nas distintas institucións, non só nas locais, senón en ámbitos como o estatal ou noutras autonomías, como todo, ten un lado positivo -a diversidade de opinións é sempre enriquecedora e boa- pero a xestión complícase no día a día; sobre todo cando nos achegamos ás citas electorais porque por desgracia en moitos casos prima os intereses partidistas que non de cidade. Polo tanto, chegar a acordos é complexo e cada vez máis complicado, aínda que nós intentaremos seguir chegando e falar coas distintas forzas políticas, como fixemos até o día de hoxe. Non se pode facer que esta pluralidade redunde vaia en detrimento da evolución dunha cidade porque o que lle transmitimos á cidadanía é que non temos altura de miras.



Lugo está sendo noticia todos os días case polos problemas no goberno da Deputación ao fío da relación con Manuel Martínez,que agora volve a votar canda o PP. Esta nova crise de goberno pode prexudicar á cidade?


Tanto como prexudicar á cidade … Agora ben, como partido, estas cousas non son boas.


Visto o visto, cre que se actuou ben con Martínez?


Nós como partido temos uns estatutos e son para cumprir por parte de todos. Aínda que confrontemos opinións e incluso as manifestemos de cara a cidadanía, nos estatutos di que unha vez debatido un tema e chegado a un acordo hai que ter unha disciplina de partido. E isto o señor Martínez non o cumpriu. Por moito que el poida pensar diferente, que é respectable, o que non podes facer é actuar diferente, porque daquela está incumprindo os nosos estatutos, que reflicten o sentir maioritario da militancia. Ninguén pode ir por libre e antepoñer os seus egos ou os seus intereses persoas do que se acada no partido.


A nivel autonómico, Gonzalo Caballero leva xa uns meses como líder do PSdeG. Como valora esta nova etapa?


É o noso secretario xeral, elixido pola militancia. Está facendo o traballo que lle corresponde, que é de liderar o partido a nivel autonómico.Está propoñendo o modelo de alternativa ao PP que queremos a nivel autonómico. Nós a nivel orgánico estamos máis absortos no concello, loxicamente.


Tanto Caballero como Ferraz indicaron que os alcaldes das cidades deberían ser en principio os cabezas de listas nas súas urbes. Vostede xa ten claro a posibilidade de volver a presentarse …


Teño intención, interese e gañas de volver a ser alcaldesa para finalizar os proxectos iniciados. En catro anos moitas veces non da tempo a desenvolver os proxectos comezados. Por exemplo, plasmamos o noso modelo de cidade nuns documentos e agora toca executalo. Fomos quen de lograr 22 millóns de euros de fondos europeos e agora toca desenvolvelos estes anos. Un deses fondos é a estratexia EDUSI que se desenvolverá até 2023. Polo tanto, para executar todos eses fondos non chega un mandato. As ganas todas e a ilusión toda, agora esperemos ter a confianza da cidadanía.


E como inflúe nesta intención de presentarse o feito de que a xuíza De Lara a chamara a declarar como investigada por non executar unha sentencia -tras unha denuncia do CSIF- ao fío dun cuestión de organización do cadro de persoal? Até que punto entorpece, no seu caso, a súa candidatura?


Desgraciadamente, non é a primeira vez que son investigada. Xa fun vítima do sistema. Cinco anos despois quedou todo en nada, catalogado incluso como un erro xudicial. Neste caso débese a un conflito laboral - administrativo, por tardar dous meses en executar unha sentencia.


E que prazos manexa vostede para saber como evoluciona o preito?


Nin idea, estamos pendentes que nos digan unha data para ir a declarar. Evidentemente, iso non está na miña man e tampouco foi un problema para que eu seguira traballando no máis importante, que son as veciñas e veciños de Lugo.


Este preito non é dos máis graves que hai pendentes na vida política de Lugo. Por exemplo, xa van máis de cinco anos dende as primeiras detencións da Operación Pokemon. Das múltiples pezas só hai unha sentencia, que non é firme; e non hai sumarios listos para xuízo oral. Este atraso na Xustiza, como prexudica a vida política e institucional da cidade e da provincia?


Os poderes están separados, cada un debe exercer o seu ámbito xudicial, lexislativo e executivo. Se empezamos a mesturalos .. Interfire moito na vida da Administración. Isto non é bo de entrada. Ademais, se os procesos se alongan moito no tempo, por moito que se faga xustiza xa non son xustos. Son unha rémora para as persoas que pasamos por eses procesos, porque se cuestiona a nosa honorabilidade, tendo dificultades para expresar as nosas opinións sobre algúns asuntos. Ás veces os danos, aínda que ao final se faga xustiza, son irreparables. Eu pasei cinco anos imputada até que quedei absoluta por completo, por un erro xudicial; aí hai un dano persoal, familiar, de honra que non resarcidos.


E cal cre que é o motivo destes atrasos. Falta de medios? Intentar abarcar máis do que se pode xulgar dende Lugo?


Creo que un cúmulo de circunstancias. Non só a falta de medios porque evidentemente a falta de medios tamén existe noutras cidades, comunidades autónomas e non en todos os sitios pasa o mesmo. Polo tanto, a falta de medios non é o único motivo.


Queda un ano de lexislatura, entramos na recta final. Que lle gustaría lograr neste último tramo?


Executar o orzamento de 2018 e seguir avanzado na execución dos fondos europeos acadados para continuar transformando a cidade e resolvendo os problemas dos veciños e veciñas, poñendo a Lugo como unha cidade referente, con moito que aportar e dar coñecer. E seguir reclamando a outras administracións as necesidades que temos, porque vemos que ano tras ano nos están dando ás costas tanto a Xunta como o Goberno Central.


Unha última pregunta sobre deportes. O Breogán acaba de ascender á Liga ACB, pero en Galicia xa temos experiencias de ascensos frustrados por falta de músculo económico. Cal é o grao de compromiso do Concello co proxecto do Breogán en ACB?


O compromiso da cidade de Lugo é co deporte base. Adicamos unha parte importante do orzamento ao fomento do deporte de base. Temos unha cidade que está acadando moitos logros deportivos. O Emevé feminino de voleibol tamén ascendeu, o Ensino de baloncesto feminino tamén pode ascender. Nós colaboramos con todas as entidades deportivas e con todas as disciplinas en función da categoría na que compitan. Intentamos estar a altura, pero nós como entidade non temos a capacidade de solventar as necesidades que teñen, aínda que a Deputación xa aprobou a cesión do Pazo para poder ascender á ACB. Estivemos na ACB e sabemos que é importante para promocionar a cidade e o deporte, como espello no que as nenas e os nenos poidan mirarse. Intentaremos aportar o noso grao de area para que o Breogán poida estar na ACB pero non vai depender só do Concello de Lugo.  



Amicos axudas curso dependentes esp

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE