O Partido Socialista planta cara ás bolsas de plástico
Calculan que 8 millóns de toneladas destes residuos acaban nos mares e oceanos cada ano, polo que en 2050 haberá flotando máis plásticos que peixes
O Partido Socialista de Galicia acaba de rexistrar unha proposición de Lei para que a Xunta fixe un imposto disuasorio contra as bolsas de plástico dun só uso.
A portavoz de Medio Ambiente do PSdeG, Patricia Vilán, instou o Goberno Autonómico a "seguir o camiño de diversas comunidades autónomas" e países da UE onde "o imposto xa existe desde hai anos" para suplir "o desleixo do goberno central ao aplicar a normativa comunitaria".
A aposta do grupo socialista é o gravame do uso de bolsas dun só uso, deixando exentas as bolsas reutilizables, biodegradables e compostables. A proposición amplía a exención ás bolsas utilizadas exclusivamente para conter peixe e carne frescas, froitas e hortalizas, así como alimentos cociñados e conxelados. O resto de bolsas "sufrirán un tipo impositivo de 10 céntimos por cada unha, que será de 15 céntimos a partir de 2020".
Cada persoa na Unión Europea consome ao ano 176 envases como estes, que "teñen unha vida útil estimada de 15 minutos". A proposición de Lei fai referencia ao World Economic Forum, advertindo que o 32% dos plásticos que utilizamos acaban na natureza. Calculan que "8 millóns de toneladas destes residuos acaban nos mares e océanos cada ano, polo que en 2050 haberá flotando máis plásticos que peixes".
Escribe o teu comentario