Máxima tensión no grupo socialista que deixa no aire o Goberno da Deputación de Lugo

O alcalde de Becerreá volve aliñarse co PP para que Suplusa retome a xestión das residencias e o PSOE provincial avanza medidas

|

Manuel Martínez vota co PP na Deputación de Lugo


"Ningunha persoa que vota co PP en contra e os intereses dos lucenses ten cabida neste Goberno Provincial". Así avanzou o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, este martes o cesamento de Manuel Martínez tras romper de novo a disciplina de voto e aliñarse co PP, esta vez para pedir que Suplusa recupere a xestión das residencias de maiores. 


"Vota un acordo con visos de manifesta ilegalidade, polo que creo que non ten cabida no grupo socialista e tomaremos as medidas que haxa que tomar", advertiu Campos ao tamén alcalde de Becerreá, despois de que este volvese votar cos populares. No pleno deste martes, ademais, os dous deputados do BNG negáronse a votar e abandonaron a sala.

A manifestación de Campos que evidencia a máxima tensión que vive o grupo socialista e deixa no aire o futuro do goberno provincial chega despois de que nas últimas semanas o foco volvese situarse nas diferenzas entre Martínez e os seus compañeiros socialistas.

E é que a xunta de goberno da Deputación decidira retirar a encomenda de xestión a Suplusa, entidade que preside tamén Manuel Martínez.


Preguntado entón acerca de se esta situación podería derivar nunha crise de goberno, Martínez esgrimiu que el tiña "un acordo" con Campos para "ser presidente de Suplusa e xestionala nas mesmas condicións nas que estaba a facer" ata que el entrou. "E se hai incumprimentos, terá que ser un dos maiores afectados", advertiu entón.

O ACORDO PARA QUE SUPLUSA RECUPERE A XESTIÓN SAE ADIANTE
Así as cousas, tan só un único punto figuraba na orde do día do pleno extraordinario, que pedira o PP, sobre quen debe liderar a xestión das residencias e onde se aprobou, por 13 votos a favor (12 do PP máis Martínez fronte a dez do grupo de goberno socialista) dar luz verde "á ratificación de eficacia na encomenda de xestión de Suplusa aprobada polo pleno" en 2010.


O acordo determina tamén a declaración de continuidade "como medio propio e servizo técnico da institución provincial para a prestación de servizos sociais".

Con iso recupera a delegación para a apertura dos devanditos centros para maiores Martínez, ao que o presidente Campos desatendeu cando pretendía intervir axustándose a que pertence ao "grupo provincial socialista".

"NON TEN CABIDA"
"Unha persoa que vota en contra dos nosos maiores da provincia, unha persoa á que se lle deron suficientes oportunidades neste grupo socialista e se lle ofreceu levar as residencias por vicepresidencia e vota un acordo con visos dunha manifesta ilegalidade non ten cabida no grupo socialista", sentenciou Campos, concluída a sesión.


O portavoz do grupo de goberno e secretario provincial do PSOE, Álvaro Santos, xa avanzaba en presenza de Campos que o partido "se pronunciase nos órganos" da formación. "Dentro dos órganos que corresponden, cos compañeiros que forman parte dos mesmos adoptaranse as medidas que se consideren oportunas. A preocupación dos lucenses é que funcionen as residencias da Deputación", avisou.

CAMPOS TEN "O APOIO DO PSOE" NA PROVINCIA
"Non é o que lle pasa ao PSOE a nivel interno", recalcou, á vez que subliñou que o presidente provincial conta non só co seu "apoio persoal" senón tamén "co apoio do PSOE na provincia, a todos os niveis, para a dirección e a presidencia da Deputación provincial de Lugo".

Desde o PP, tras este pleno, o seu portavoz, Elena Candia, concluíu que "isto non é un goberno, nin hai ningún tipo de entendemento e está a provocar conflitos que a provincia paga caro". "Pretenden converter un problema político nun problema xurídico", apuntou, en alusión á afirmación de que o acordo podía ser tachado de "ilegal".

No BNG, cuxos dous deputados negáronse a votar e abandonaron a sala para evitar que fosen contabilizados eses votos como abstencións, o seu portavoz, Xosé Ferreiro, tirou de "ideario" nacionalista sinalando que as "deputacións teñen os días contados", á vez que lamentou a "imaxe" que se traslada á cidadanía.

Ténsanse así ao máximo as costuras dun goberno provincial que botaba a andar, logo dunha moción de censura contra a popular Elena Candia, e ao que o alcalde de Becerreá incorporouse tras uns meses. E é que, aínda que os votos das formacións de esquerda suman a maioría, no arranque do mandato, o socialista Manuel Martínez, facilitara co seu voto a designación de Candia como presidenta.

RESIDENCIAS
Pola mañá, Campos remarcara que o goberno provincial "garante" aos lucenses 94 prazas de residencia e 58 en centros de día na Fonsagrada, Pol e Trabajda.

O presidente informou sobre a aprobación na xunta de goberno dos convenios da Deputación e estes concellos nos que se fixa que as prazas dos centros da terceira idade destes municipios sexan para veciños da provincia e "acceso universal" ás mesmas.

Campos volveu a pedir á Xunta que "non" poña "dificultades" e permita a apertura dos devanditos centros, que confía que poidan comezar a funcionar "en setembro ou en outubro".

Estas declaracións producíanse durante a presentación dunha nova programación de cursos do IN-Lugo, dirixidos a persoas maiores que viven no rural.

CONCENTRACIÓN
Sobre as residencias, unha ducia de persoas volvían concentrarse ante o Pazo de San Marcos (sede da Deputación) este mediodía, reclamando unha "solución" para os máis de sesenta traballadores que foron seleccionados para eses centros en 2015.

O secretario de organización de CIG-Lugo, Lois Neto, asegurou que o escenario "é desolador", apelando a que "hai uns prexudicados clarísimamente, e non é, por tanto, un problema de Darío Campos, Manuel Marínez, Elena Candia ou o BNG".

"Aquí hai uns traballadores que pasaron un proceso público que foi convocado pola deputación a través de Suplusa", esgrimiu, antes de sinalar que, despois de presentar unha queixa á valedora do Pobo, Milagres Otero, aínda "non" recibiron resposta.

"Estamos en espera, pero non estamos en resignación. Imos loitar por algo xusto", resolveu.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE