Desborda unha balsa na mina de Touro
Unha balsa da polémica mina de Touro desbordouse botando un preocupante líquido de cor esbrancuxada turquesa. Así o acaba de denunciar a Asociación Aldea Viva, un colectivo local crítico coa reapertura da explotación preto de Santiago.
Os veciños denuncian que as abundantes choivas dos últimos tempos provocaron o desborde da balsa, situada a 100 metros sobre o Río Brandelos, na parroquia de Bama.
Precisamente, a posibilidade de desborde de balsas é un dos aspectos polémicos do millonario proxecto, que está pendente de aprobación definitiva por parte da Xunta.
Os críticos coa mina que pretende reabrir Atalaia Minning, a multinacional dona das minas de cobre Río Tinto (Huelva), alegan tamén que a reapertura supoñerá a morte de decenas de granxas de leite, sustento económico da comarca. Precisamente Bama, lugar do desbordamento, acolle a Queixos Bama, unha das queserías galegas máis recoñecidas.
Esta prevista unha manifestación-tractorada contra a mina. Partirá ás 12:00 horas da antiga balsa mineira de Angumil, en Touro.
O proxecto afecta a máis de 800 hectáreas. A mina estivo en funcionamento ata os anos 80.
Escribe o teu comentario