Traballadores de Vitrasa volven reclamar á empresa negociar un novo convenio
Os empregados do bus urbano de Vigo acusan ao alcalde Abel Caballero de apoiar á dirección da empresa.
Empregados de Vitrasa volveron a saír á rúa este venres para pedir á empresa que sente a negociar un novo convenio, xa que o actual caducou a finais de 2020, polo que os traballadores teñen conxelado o seu soldo desde entón.
A manifestación partiu desde a Praza de España minutos despois das 19.00 horas, percorrendo Gran Vía, Urzaiz e Colón até chegar ao cruzamento con Policarpo Sanz. Volveu estar encabezada por unha pancarta que rezaba 'Vitrasa solución', asinada polos sindicatos CIG, UGT, USO e Comisións Obreiras (CC.OO.), convocantes da protesta.
Con cánticos como 'Vitrasa solución, alcalde dimisión'; 'Menos luces, máis autobuses', ou 'Abel, moi mal, vas coa patronal', os traballadores percorreron as rúas de Vigo para esixir que se poña fin ao conflito, activo desde fai xa case tres anos.
Unha vez máis os empregados estiveron acompañados de responsables do BNG local. Nesta ocasión, foi o concelleiro Filipe Abalde o que acudiu á manifestación para apoiar aos traballadores de Vitrasa.
O comité de empresa criticou a actitude da compañía, tras quince días sen ningunha convocatoria de reunión, a pesar de habérselle enviado unha proposta de negociación "actualizada" por parte dos empregados.
"Parece obvio que Vitrasa está cómoda cos servizos mínimos da folga, xa que a súa rendibilidade aumenta transportando miles de viaxeiros diariamente coa metade de buses e persoal. Queda claro que están a cumprir o seu obxectivo recadatorio sen importarlle o máis mínimo os viaxeiros", criticaron desde o comité.
Os traballadores tamén cargaron contra o alcalde, Abel Caballero, ao que acusan de defender e apoiar a Vitrasa, a pesar dos 35 días de folga indefinida que levan os empregados, tras anos de protestas.
"Lembremos tamén que imos entrar no 2024 co salario do 2020 e cunhas condicións laborais precarias. Desde o comité de empresa non imos aceptar que a viabilidade da empresa sexa a consta de recortar servizos e empobrecer aos traballadores. Se o negocio non responde ás súas expectativas, poden deixar a concesión cando o consideren oportuno", sentenciaron.
Escribe o teu comentario