Morre Xosé Manuel Piñeiro, emblemático presentador da TVG
A TVG, fogar do allaricense durante a súa traxectoria, renderá tributo a 'Superpiñeiro' cun especial na noite deste mércores
Xosé Manuel Piñeiro, emblemático presentador da Televisión de Galicia, faleceu este mércores, segundo informou á primeira hora o programa da Radio Galega 'Galicia por Diante'.
Nacido en Allariz (Ourense) en 1957 e licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, converteuse nos anos 1990 nunha das caras máis coñecidas da televisión pública galega.
A súa figura estará sempre asociada ao 'Supermartes', o concurso que durante case 20 anos ocupou a franxa nocturna dos martes na TVG --salvo unha breve paréntese co seu paso aos mércores-- e que lle valeu o alcume de 'Superpiñeiro'.
Iniciou a súa traxectoria como 'showman' cantando en orquestras e grupos musicais da provincia de Ourense e o seu salto á televisión chegou, precisamente, cando foi elixido nun cásting para presentar o programa 'Supermartes'.
Entre 1992 e 2005 encargouse de conducir este programa que mesturaba concurso con actuacións musicais e humor que lanzou á fama a outra das figuras máis lembradas da Televisión de Galicia, o esqueleto Atilano e a súa trompeta. Tamén conduciu outros programas como 'Téquelexou', 'Téquele, téquele' ou 'Acompáñenos'.
Tras a cancelación de 'Supermartes', Piñeiro regresou á TVG en 2010 para conducir 'Tantarantán', un programa centrado nas verbenas, e un ano máis tarde comezou a presentar 'Bamboleo', espazo de variedades da franxa do sábado.
En 2018 anunciou que deixaba a televisión por motivos de saúde tras serlle diagnosticado cancro. Regresou en 2019 para conducir un programa de radio conxunto entre a televisión pública galega e a portuguesa.
No ano 2020, recibiu a Medalla Castelao que entrega anualmente a Xunta en recoñecemento pola súa traxectoria na comunicación e o entretemento, que o levou a colaborar con medios radiofónicos e escritos.
CONDOLENCIAS
Tras coñecer a noticia, figuras da política, institucións e personalidades expresaron o seu pesar pola perda de Xosé Manuel Piñeiro e trasladado as súas condolencias á familia.
"O seu carisma marcou xeracións nunha carreira de éxitos. Descansa en paz. Inesquecible, Superpiñeiro", publicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa conta de 'X'.
Tamén lembrou a figura do presentador nesa mesma rede social a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. "Todo o agarimo e afecto a familia e amizades de Xosé Manuel Piñeiro, un referente da nosa televisión pública co que tantas e tantos crecemos", reza a súa mensaxe.
As mostras de pesar chegaron tamén desde as institucións, como a Deputación de Ourense ou o concello da súa vila natal, Allariz, onde este xoves será enterrado, como publicou o diario A Rexión, no que colaborou asinando columnas durante anos.
"Hoxe lamentamos profundamente a perda do noso veciño Xosé Manuel Piñeiro, gran embaixador de Allariz. O seu legado perdurará en cada recuncho da nosa vila, onde sempre será lembrado con gran agarimo e admiración", publicou a conta oficial de Allariz en Facebook.
"Todo un referente na CRTVG e un comunicador inigualable, que sempre fixo gala do seu orgullo de pertencer á provincia de Ourense como veciño de Allariz. Descansa en paz e até sempre, Superpiñeiro", sinalou a Deputación de Ourense en 'X'.
Máis aló de Galicia, figuras da música como o venezolano Carlos Baute, convidado habitual de espazos como 'Bamboleo', expresou a súa dor pola morte do seu "admirado" Xosé Manuel Piñeiro.
"Un gran profesional, compañeiro e amigo. A túa pegada en todos os que che coñecemos será sempre indeleble. Grazas por cada risa, cada momento deixáchesnos coa túa entrega día a día. O meu máis sentido pésame á súa familia e seres queridos. Descanse en paz compañeiro", pon a mensaxe colgada polo cantante no seu perfil de 'X'.
PROGRAMACIÓN ESPECIAL
A TVG, 'casa' de 'Superpiñeiro', preparou unha programación especial para render tributo a unha das súas caras máis coñecidas, segundo comunicou o ente público nun comunicado no que expresa a súa dor pola perda do presentador.
Durante a xornada deste mércores haberá recordos á súa figura na grella de radio e de televisión. Ás 21,30 horas, a TVG ofrecerá o programa especial 'Querido Piñeiro', que dará a coñecer "o lado máis persoal desta estrela e pioneiro da televisión galega".
Escribe o teu comentario