Pé en parede dos avogados ante a Xunta: consulta aos colexiados pola asistencia de xustiza gratuíta
O incremento orzamentario para a quenda de oficio, visto como insuficiente polo ICA Ourense, será sometido a consultade dos avogados adscritos ao TO.
Até aquí. Tras varios anos de desplantes, silencios e rexeitamentos, os avogados adscritos á quenda de oficio seguen encajonados no mesmo canellón sen saída ao que foron empuxados polas administracións públicas ante o constante bloqueo das negociacións e a postura adoptada por gobernos como o da Xunta de Galicia, reticente a recoñecer a relación laboral que existe entre os togados e a administración galega. Chegados a este punto, desde o Ilustre Colexio de Avogados de Ourense tomaron unha decisión definitiva: consultar aos seus colexiados cal debe ser o seguinte paso coa Xunta, despois da que consideran unha "inaceptable proposta" para o "financiamento do servizo público".
"UN DESPREZO ABSOLUTO"
Desde o ICA Ourense subliñan que desde a Xunta se optou " pola imposición unilateral dunhas condicións que comprometen a viabilidade dun servizo público esencial e o dereito fundamental á tutela xudicial efectiva". Así o razoa Marta Gómez, decana do Colexio auriense, que resume a proposta da Xunta en "un incremento orzamentario que non alcanza os 3 millóns de euros, unha cifra que a avogacía galega considera absolutamente insuficiente, xa que o incremento estimado para cubrir o custo básico das actuacións realizadas polos profesionais, e que non teñan que prestar o servizo a perdas, é de ao redor de 6 millóns de euros".
Desde o ICA sosteñen que a Xunta mantén a súa negativa a negociar un incremente orzamentario cando a mesma Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, con Diego Calvo á fronte, propón investimentos de máis de 8 millóns de euros en "obras menores e mobiliario", o que deixa ás claras, para a decana, o "desprezo absoluto cara ao labor dos profesionais que, día a día, garanten o acceso á xustiza para os cidadáns máis vulnerables".
"O que falta non é diñeiro, é vontade política para atender as demandas dun servizo público e un colectivo esenciais para o Estado de Dereito", arremete Gómez, á vez que insiste en que a Xunta "podería asumir, como mínimo, unha parte razoable das demandas do colectivo". Con todo, a administración de Alfonso Rueda optou por "dar as costas aos profesionais e á cidadanía, impondo unha repartición limitada dunha cantidade irrisoria e unha estratexia de presión económica".
"A administración debe aos profesionais da Quenda de Oficio o traballo xa realizado no cuarto trimestre de 2025 (ao estar condicionado o pago á publicación unilateral dun novo baremo); e tampouco paga aos colexios os gastos de infraestrutura do ano pasado, afectando gravemente á súa xestión económica, ao ter que adiantar estes fondos con cargo ás cotas dos seus colexiados. Isto supón unha carga financeira indebida, desviando recursos que deberían destinar a outros fins colexiais", subliña.
PROBLEMAS E CONSULTA
Por todo iso, e ante os datos que recalcan a necesidade dun maior investimento neste servizo (só no último ano o número de solicitudes disparouse até rozar un 7% máis, detalla desde o ICA Ourense) pois o incremento anunciado será directamente fagocitado inmediatamente pola cantidade de casos a atender, o que supón "perpetuar a precariedade actual", o Colexio ourensán propón abrir un proceso de negociación real, afastado do modelo actual onde o que hai, din, é a imposición de "unha cifra pechade, limitando o diálogo a como repartir os 3 millóns, sen abordar o problema de fondo".
Unha negociación efectiva podería pór fin á falta de pagamentos e atrasos -cubertos en moitas ocasines coas cotas dos colexiados- e atender, dunha vez por todas, as reivindicacións históricas dun colectivo que mantén a súa folga indefinida a nivel estatal, unha decisión que provocou a paralización de miles de procesos xudiciais e unha casacada de baixas nos colexios de avogados.
"Non se trata só dunha proposta de financiamento futuro insuficiente, senón de incumprimentos presentes que afectan a servizos xa prestados e á xestión dos propios colexios profesionais", reza a nota do ICA Ourense. Neste escenario, o Colexio celebrará este mércores 11 de febreiro, ás 18 horas, unha sesión d einformativa no salón de actos da entidade, antesala da consulta que realizarán aos letrados para marcar a folla de ruta a seguir ante a Xunta.
Só hai dúas posibles respostas: ou "aceptar a oferta actual e seguir traballando gratis de forma precaria" ou ben "rexeitala e manter unha postura firme ata que se abra unha negociación real da dotación orzamentaria, que dignifique o servizo e o traballo de quen o prestan". A consulta será remitida aos avogados adscritos ao TO nos próximos días.
Escribe o teu comentario