Convocan en Compostela unha concentración en apoio aos kurdos de Rojava ante a ofensiva siria e turca
O colectivo Galiza con Kurdistán chama á cidadanía galega a mobilizar este sábado 31 de xaneiro en Santiago de Compostela para denunciar os ataques contra o pobo kurdo e expresar o seu apoio á Revolución das Mulleres de Rojava, símbolo internacional de resistencia fronte ao autoritarismo.
O conflito no nordés de Siria volve acender as alarmas da comunidade internacional. En plena ofensiva sobre Rojava, rexión de maioría kurda, o colectivo Galiza con Kurdistán convocou unha concentración o sábado 31 de xaneiro, ás 12.30 horas, na compostelá Praza do Toural. O obxectivo: denunciar o que consideran unha "guerra de exterminio" contra o pobo kurdo e reclamar o fin dos ataques que Turquía realiza con apoio do Goberno sirio de transición.
A organización galega apela a partidos políticos, sindicatos, asociacións feministas e movementos sociais para “encher as rúas de Compostela de solidariedade internacionalista”. Segundo o comunicado difundido, “defender Rojava é defender a dignidade dos pobos fronte á barbarie”. A concentración enmárcase nunha onda de protestas que se están producindo en distintas cidades do Estado español en apoio á poboación kurda.
Ondas de solidariedade en todo o Estado
Nos últimos días, cidades como Barcelona, Madrid ou Xixón acolleron mobilizacións de apoio a Rojava. Na capital catalá, centos de persoas marcharon até a Embaixada de Turquía coreando consignas contra o presidente Recep Tayyip Erdoğan, a quen acusan de ser responsable dos bombardeos e das violacións de dereitos humanos. A protesta concluíu coa lectura dun manifesto na Plaça Sant Jaume, en pleno corazón da cidade.
En Madrid , a concentración da Praza de Callao reuniu a un centenar de asistentes baixo a lema “Rojava non está soa”, denunciando a pasividade dos gobernos europeos ante a ofensiva militar turca. As imaxes de desprazados e de pobos destruídos reforzaron o sentimento de empatía cara á causa kurda e a autodenominada Revolución das Mulleres, unha experiencia política que combina autogoberno, feminismo e democracia directa.
Galicia ante a ofensiva en Siria
A convocatoria en Compostela súmase así a un movemento máis amplo de solidariedade internacional co pobo kurdo, que en Galicia tivo xa outras expresións, como as campañas de axuda impulsadas por organizacións feministas e colectivos libertarios nos últimos anos. Desde Galiza con Kurdistán subliñan que a súa acción busca tamén visibilizar a situación das mulleres de Rojava, consideradas un exemplo mundial de resistencia fronte ao patriarcado e ao autoritarismo.
Mentres tanto, fontes humanitarias informan de que, a pesar da extensión dun cesamento do fogo de quince días acordado a principios de semana, a situación segue sendo crítica. En Kobanê e outras localidades do norte de Siria, a escaseza de subministracións e os ataques illados ameazan a vida de centos de persoas. Calcúlase que máis de 150.000 civís foron desprazados desde o inicio da ofensiva.
Diversas ONG alertaron de que o bloqueo humanitario impide a entrada de axuda esencial e pediron presión internacional sobre Ankara e Damasco para deter os ataques. Até o momento, a comunidade internacional garda silencio, sen que se anunciaron medidas concretas para garantir a seguridade da poboación civil kurda.
Escribe o teu comentario