VIDEOCLIP | The Rapants lanzan 'Non Sei Como', adianto dun Rapants Club que está a piques de encher o Multiusos de Sar
A banda máis popular da nova xeración de grupos de guitarras de Galicia volve ás andadas coa súa exitosa mestura de música para bailar e estrañar.
A banda de Muros publica o primeiro adianto do seu novo disco, Rapants Club, unha mestura de disco, rock e electrónica que marca unha nova etapa na súa evolución musical. O videoclip, repleto de rostros coñecidos como Miguel de Lira, e o previsible “sold out” no Multiusos do Sar de Santiago consolídanos como o combo máis popular da nova xeración do rock en Galicia.
A banda The Rapants, orixinaria de Muros e formada por Matías, Samuel, Xanma e Xaquín, fusiona funk, pop, rock e psicodelia cun espírito festivo e descarado que os fixo triunfar tanto dentro como fóra de Galicia. Co seu anterior traballo, Ou Corazón como un After, consolidaron a súa identidade: letras en galego cheas de humor e retranca e un son que convida o baile en festivais e salas por igual. Alá onde vaian, hai festa con 'vos rapantes'.
Un primeiro avance con selo propio
Agora, The Rapants regresan con Non Sei Como, primeiro sinxelo do seu novo álbum, Rapants Club. A canción combina basees disco e guitarras rock cunha produción electrónica envolvente e un refrán pegadizo. Neste tema participa Joe Crepúsculo, referente da música alternativa en España, que canta por primeira vez en galego. A colaboración xurdiu tras coincidir este verán no Náutico de San Vicente, un espazo refernte da cultura musical galega e tamén do indie estatal.
Gravado entre os estudos A Mina (Granada) e Boavista (Madrid), Non Sei Como mostra o rumbo estilístico do novo disco, no que a banda busca render homenaxe á comunidade que os acompañou desde os seus inicios. “Rapants Club é máis que un disco: é a nosa forma de entender a vida”, explicaron en redes sociais, recoñecendo o apoio das súas familias, seguidores e equipo.
Un videoclip coral para unha canción colectiva
O videoclip oficial, dispoñible na canle de YouTube da banda, foi dirixido e producido pola Bellavista e rodado en varios puntos de Galicia, entre Muros, Carnota, Negreira e Santiago de Compostela. A peza destaca pola súa estética colorida e a presenza de numerosos rostros coñecidos: o futbolista Hugo Rama, os actores Miguel de Lira e Federico Pérez, o dúo Caamaño & Ameixeiras, o cantante 9Louro, o surfeiro Guillermo Carracedo e os creadores de contido Champimuros e Merce Totakeki, entre outros. Unha mostra da conexión do grupo co tecido cultural galego e o seu olfacto para promocionar.
Santiago, a gran cita
O lanzamento de Non Sei Como coincide coa gran expectación pola estrea en directo de Rapants Club, previsto para o 28 de marzo no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela. As entradas esgotáronse en gran parte das zonas dispoñibles en poucas horas, e quedan menos dun centenar á venda. Todo apunta a que a banda colgará o cartel de “sold out” antes do concerto, consolidando así o seu momento de plenitude.
A cita, avanzan desde o grupo, será “unha gran festa colectiva para celebrar a música e a amizade”. Con este lanzamento, The Rapants sitúanse á fronte dunha xeración de artistas galegos que está a levar o seu idioma e enerxía a escenarios de todo o país, demostrando que a música galega vive un momento de esplendor e diversidade.
Escribe o teu comentario