(VÍDEOS) "Éxito" na folga indefinida de radiólogos de Vigo cun seguimento do 90% do persoal
24 dos 27 radiólogos secundan a folga. Só aqueles que cumpren os servizos mínimos ou terminan a garda de 24 horas non puideron acudir á protesta.
Esta mañá, ante as portas do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, ao habitual ir e vir de pacientes sumouse a concentración dos profesionals do servizo de radioloxía da área viguesa, que este 6 de outubro inician a folga indefinida convocada hai semanas despois de varios anos demandando ás autoridades sanitarias o reforzo do persoal de radioloxía durante as gardas, pedindo cambiar o cuadrante para que sexan tres e non dous os profesionais que realizan a quenda de 24 horas.
RESPALDO DOUTROS COLECTIVOS
Así, este luns son 24 dos 27 radiólogos en servizo de garda os que secundaron a primeira xornada de folga, o que fala dunha participación próxima ao 90%. Só estiveron ausente aqueles que "están obrigados a estar se servizos mínimos" e "os saíntes de garda", indican desde o comité de folga, o que referenda a unidade no colectivo.
Ao tempo, non só o persoal das gardas protestou, senón que recibiron o apoio doutros radiólogos e sanitarios doutras áreas como traumatología, pediatría, cirurxía pediátrica, cardiología, cirurxía cardíaca, oncoloxía ou anatomía patolóxica. "O primeiro dia foi moi exitoso", celebran desde o comité de folga tras a concentración e a lectura do comunicado ás portas do complexo olívico.
A protesta chega despois de que o pasado venres o comité descartase a última oferta da Xerencia, que non dubidaron en cualificar de "deficiente e indignante", pois só se abrían a reforzar o servizo os luns "e un reforzo de tarde de martes a venres", unha proposta insuficiente para o colectivo, onde recalcan que, ante o aumento nos últomos anos de solicitude de probas diagnósticas como os TAC, sería necesario completar a quenda de garda con catro radiólogos, pero están dispostos a traballar máis días, coa mesma persoal e sen subidas salariais nin máis días de descanso, co reforzo dun único profesional.
Ante este escenario, os manifestantes aventuraban o venres que, durante a folga, "moitos pacientes teranse que ir a casa sen as súas probas". "Ninguén quere chegar a isto, pero si estamos aquí é pola falta de resposta e solucións por parte da administración. Cando nos chaman a negociar preséntannos isto. Moi preocupados polos pacientes ou o funcionamento do hospital non deben de estar, porque poderían traballar un pouco máis na proposta", reprenden desde o comité, onde aseguran estar "cansos e tristes", pero tamén "máis unidos e máis convencidos que nunca de que imos loitar até o final, porque non o facemos por nós, senón polo paciente, para que teñan a mellor atención".
Escribe o teu comentario