Santiago de Compostela e outras cidades galegas envórcanse coa Flotilla interceptada por Israel
Os manifestantes, que arrincaron na Praza Roxa e terminaron en Platerías, demandaron a liberación dos activistas retidos polas forzas israelís.
Na Praza Roxa convocouse unha concentración onte en canto comezou a abordaxe por parte das forzas de Israel aos barcos da Global Sumud Flotilla. A expectativa, cun día de antelación, podía pasar por unha concentración na zona nova da capital galega, pero terminou superando as expectativas, cun percorrido de miles de persoas que abarrotaron a Praza Roxa até as inmediacións da catedral de Santiago, deixando tamén pequena a Praza de Praterías.
MARCHA POR COMPOSTELA
Ás 20 horas era xa complicado acceder á Praza Roxa por algunha das rúas que conectan co lugar da cita no Ensanche. Cánticos, pancartas, bandeiras de palestina e barcos de papel coas cores de Palestina desbordaron o lugar, motivando aos manifestantes a comezar un percorrido até a zona histórica compostelá.
Entre berros de 'Desde o río até o mar, Palestina vencerá', 'Destruír o Estado sionista', 'Solidariedade, Galicia é Palestina', 'Israel asasina, Europa patrocina', 'É o terrorismo do sionismo' ou 'Netanyahu asasino', a manifestación derivou en escraches contra establecementos de firmas con vícunlos co Estado sionista ou Estados Unidos, como Carrefour ou Burger King, con pintadas nas súas fachadas animando ao boicot a estas marcas.
Os manifestantes reclaman a liberación dos activistas retidos en Israel, entre os que se atopan os galegos Sandra Garrido e Manu López, que navegaban coa flotilla humanitaria. Ambos foron trasladados, en principio, ao porto de Asdod, en Israel, aínda que aínda non se tivo comunicación oficial sobre a súa situación.
Como nota singular, ao final da concentración foi apartado pola Policía Nacional un home de mediana idade que, durante parte do percorrido da marcha e até Praterías, increpou aos manifestantes con proclamas a favor de Israel. En calquera caso, a protesta desenvolveuse sen maiores incidentes e ás 21:45 horas, tras a lectura do manifesto, disolveuse sen necesidade de que actuasen as autoridades, como si ocorreu noutros puntos do Estado.
A de Santiago non foi a única concentración na comunidade galega, pois unha vintena de municipios acolleron mobilizacións similares, con moi boa acollida en cidades como Vigo ou A Coruña, do mesmo xeito que noutras cidades de España.
Escribe o teu comentario