Máis de 100 desaloxados, entre eles os nenos dun campamento, nos incendios de Oia, Vilaboa e Carballedo
As 45 persoas desaloxadas de maneira preventiva do cámping de Mougás (Oia) xa puideron volver ás instalacións.
A vaga de incendios que azouta Galicia desde hai xa dúas semanas non dá tregua. Esta pasada noite novos focos obrigaron a desaloxar a máis dun centenar de persoas nos municipios pontevedreses de Oia e Vilaboa e no lucense de Carballedo.
Así, na provincia de Pontevedra, activouse xa durante a tarde do xoves a Situación 2 pola proximidade de incendios forestais aos núcleos de poboación de Mougás (Oia) e Vilar (Santa Cristina de Cobres, Vilaboa).
No caso de Oia, as medidas adoptadas polos efectivos de extinción finalizaron con éxito, polo que se procedeu á desactivación da Situación 2. Con iso, as 45 persoas desaloxadas de maneira preventiva que se atopaban no cámping de Mougás xa puideron vovler ás instalacións. Con todo, algunhas se quedaron aloxadas no cámping de Santa Tecla, na Guarda.
Por outra banda, en Vilaboa, foron desaloxadas 14 persoas no núcleo de Paradellas.
Na provincia de Lugo activouse a Situación 2 en Carballedo pola proximidade dun incendio forestal ao núcleo poboacional de Oleiros. Así, e tamén de forma preventiva, evacuouse o Albergue de Vos Peares. Un total de 53 nenos e 11 monitores foron trasladados ao albergue xuvenil Lug2.
En Ourense non se rexistraron novos confinamentos ou evacuacións e todas as estradas principais permanece operativas.
Escribe o teu comentario