Publican a listaxe de casas niño que reciben as axudas para a súa continuidade até 2028
Este aumento supón elevar até os 29.000 euros a contía anual que reciben as promotoras destes equipamentos
O Diario Oficial de Galicia (#DOG) deste venres recollía a listaxe de casas que xa reciben estas achegas, que contan cun orzamento de 10,5 millóns de euros euros.
Ademais de garantir a atención personalizada e gratuíta a nenos de até tres anos de idade, esas axudas tamén se poden destinar á reposición do equipamento cunha achega adicional de 1.500 euros, así como do material didáctico e de xogos; e as obras de reforma, mantemento ou eficiencia enerxética.
Nun comunicado, lembran que a Xunta incluíu nesta convocatoria un incremento de case o 5% da axuda que viñan percibindo as titulares das casas niño e que se poderán acoller a ela aqueles centros que leven funcionando máis de tres anos.
Este aumento supón elevar até os 29.000 euros a contía anual que reciben as promotoras destes equipamentos. O obxectivo é que poidan facer fronte ao incremento de gastos derivados da subida da luz ou das pólizas de seguro.
Galicia ten na actualidade máis de 100 casas niño en servizo distribuídas por todo o territorio, entre as que suman máis de 500 prazas gratuítas para nenos de 0 a 3 anos. Cada casa niño atende a un máximo de cinco nenos, de forma flexible e con garantías de seguridade e calidade, dado que se esixe unha formación ou experiencia profesional específica e imponse requisitos e normas de seguridade nos inmobles.
Estes servizos ofrecen unha atención integral e personalizada con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna e de luns a venres.
Escribe o teu comentario