(VIDEOCLIP) Queres saír no novo videoclip de Kike Varela? O DJ prepara un novo bombazo tras 'Muiñeira de Chantada'
O DJ e produtor traballa na filmación do seu novo videoclip, 'Meigallo' xunto a Ferriñas Bravas, en Vigo, do 29 ao 31 de xaneiro, ao que convida a sumar a todos os que queiran formar da figuración.
Se pomos unha banda sonora ao 2024 en Galicia, a cover do tema 'Muiñeira de Chantada' non pode faltar. Kike Varela deulle unha volta á canción de Verto e xunto a Gloria Cespón e Puga e fíxoa todo un rompepistas tecno que rebotó por todos os after da comunidade. Agora, o DJ e produtor traballa en darlle soporte visual ao seu novo tema co que remestura as raíces musicais galegas coa música electrónica.
QUERES FORMAR PARTE DO VIDEOCLIP?
Trátase de 'Meigallo' e Ferriñas Bravas pon voz a este hitazo do que filmarán o videoclip a finais de xaneiro, do 29 ao 31 do primeiro mes do ano en distintas localizacións de Vigo e arredores, como o Halo da cidade olívica, o Centro Comercial A Laxe ou o monte de Tameiga.
Precisamente neste enclave natural terá lugar unha das escenas para a que convidan a participar a todos os que queiran formar parte da figuración. "Non perdas a oportunidade de formar parte deste fascinante proxecto! Se estás interesado en participar como figurante na escena do 31 de xaneiro no monte de Tameiga, contacta coa produción a través das canles habilitadas para máis información e detalles sobre como unirche á rodaxe", detallan desde Eventos e Producións Eisv.
O videoclip terá ademais un escuro protagonista, como é a Santa Compaña, unha figura mitolóxica do folclore e a tradición galega, o que evoca o ton místico e enigmático que terá o tema. Por outra banda, Kike Varela xa anunciou que traballaba en máis colaboracións xunto a Ferriñas Bravas, que poderían ver a luz moi pronto.
Escribe o teu comentario