Alerta por forte vento e choivas persistentes este fin de semana na costa e a montaña
As previsións meteorolóxicas anuncian un fin de semana marcado por condicións adversas debido ao primeiro temporal do ano. Desde as primeiras horas do venres, Galicia atópase baixo a influencia dunha borrasca que trae ventos intensos e precipitacións persistentes, especialmente nas zonas costeiras e montañosas do norte e oeste da comunidade .
Venres 3 de xaneiro: un día de ceos cubertos e choivas xeneralizadas
A xornada do venres comezou con ceos maioritariamente nubrados ou cubertos e brumas nas áreas montañosas do sueste. As precipitacións están a ser máis intensas e persistentes na franxa atlántica e no litoral occidental da Coruña, onde se rexistraron episodios de choiva forte. Pola tarde, estas condicións alixeiráronse no sueste, aínda que o vento do sur-suroeste continuou soprando con forza en zonas altas e expostas do litoral norte, alcanzando refachos moi fortes.
As temperaturas mínimas mostrán un lixeiro aumento, menos marcado no litoral, mentres que as máximas apenas sufriron variacións. As capitais provinciais reportaron valores que oscilaron entre os 7 °C en Lugo e os 16 °C na Coruña.
Meteogalicia mantén alerta amarela por choivas no sur de Ourense oeste da Coruña, o sur da Coruña e A Mariña de Lugo. Na costa da Morte, hai temporal marítimo, tamén de nivel amarelo.
Sábado 4 de xaneiro: a influencia das borrascas persiste
O sábado, a situación empeorará. Haberá alerta por fortes ventos en todo o litoral do país. O peor chegará a última hora, con nivel laranxa de temporal marítimo nas Rías Baixas e A Costa da Morte, segundo Meteogalicia. AEMET limita o nivel laranxa de alerta á Costa da Morte.
Galicia seguirá afectada por baixas presións, con ceos máis despexados no norte e leste, pero con intervalos nubrados e orballos no litoral occidental. Pola tarde, as precipitacións serán máis frecuentes e intensas no litoral de Lugo e A Coruña, con posibilidade de episodios localmente fortes ao final do día. O vento de compoñente sur continuará sendo protagonista, con refachos superiores a 80 km/h en zonas altas e costeiras.
En canto ás temperaturas, espéranse lixeiros ascensos tanto nas mínimas como nas máximas. As cidades da comunidade experimentarán valores máis suaves, alcanzando os 17 °C na Coruña e os 16 °C en Pontevedra.
Domingo 5 de xaneiro: unha tregua parcial pola tarde
Durante o domingo, unha profunda borrasca situada preto de Galicia deixará a súa pegada con choivas xeneralizadas na mañá e chuvascos intermitentes na tarde. Isto provocou que varios concellos barallen cambios nas tradicionais cabalgatas de Reis.
As precipitacións serán especialmente intensas e persistentes na metade occidental durante as primeiras horas do día, diminuíndo progresivamente a súa intensidade.
O vento, con refachos fortes de compoñente sur, seguirá afectando tanto ás zonas altas do interior como ao litoral, aínda que se espera que perda intensidade ao final da xornada. As temperaturas, sen grandes variacións, manteranse entre os 8 °C en Lugo e os 17 °C na Coruña.
Escribe o teu comentario