Encontro en Touro sobre os riscos ambientais da mina de cobre durante este fin de semana
Tamén celebrarán distintos talleres de formación, charlas e debates sobre estratexias de defensa do medio ambiente e alternativas á minería
Plataformas de ámbito estatal reuniranse no municipio coruñés de Touro desde o venres día 1 de novembro até o domingo 3 no 'III Encontro Ibérico contra os Impactos Sociais e Ambientais da Minería'.
O evento está organizado por Ecoloxistas en Acción, coa colaboración do Observatorio Ibérico da Minería, Amigos da Terra e a plataforma veciñal Mina O Pino-Touro Non.
Neste espazo de "reflexión, aprendizaxe e convivencia", segundo informa Ecoloxistas en Acción, participarán "máis de medio centenar de representantes de numerosas plataformas de toda a península ibérica que loitan nos seus territorios contra os graves impactos do extractivismo mineiro".
Durante tres días, engade, os colectivos farán "unha posta en común dunha situación apremiante e elaborarán estratexias de coordinación e apoio mutuo". Tamén celebrarán distintos talleres de formación, charlas e debates sobre estratexias de defensa do medio ambiente e alternativas á minería.
Escribe o teu comentario