Os incendios en edificios, máis excepcións que sucesos

O incendio do edificio no Campanar, Valencia, acendeu as alarmas sobre a posibilidade de lumes tan devastadores como o mencionado. Son seguros os nosos edificios? Cal é o risco que ten a nosa vivenda de sufrir un feito como é un incendio? 


|

Bomberos
Bombeiros


Os edificios poden sufrir incendios aínda que a evolución nos materiais de construción e en medidas de seguridade sobre eles reduciron a posibilidade a case excepcional. Aínda que o incendio do pasado 22 de febreiro en Valencia mostrou unha espectacularidade que daba medo, desde o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia asegúrase que un feito semellante en edificios de recente construción (desde dúas décadas até hoxe) sería excepcional. Por outra banda, a intervención dos equipos de bombeiros vai depender moito do tipo de construción que estea a arder. Así, as diferentes tipoloxías de construcións teñen un protocolo específico. No caso de Valencia, o protocolo sería o de edificio en altura segundo afirman desde o Parque de Bombeiros de Santiago de Compostela. 
 

INTERVENCIÓN CONTRA O LUME

A intervención dos bombeiros é o aspecto máis visible durante un incendio. No entanto, estas intervencións necesitan dunha serie de protocolos e pasos para a extinción do lume. “Unha intervención é perigosa e esixe un documento sobre prevención de riscos laborais onde a empresa teña definidos os procedementos de traballo ante labores de extinción” di Manuel Sanmartín, xefe de bombeiros do Parque de Bombeiros de Santiago de Compostela. 
 

Na intervención cada persoa implicada na extinción debe ter a súa función definida así como os EPIs e diferentes medios necesarios. “Todo debe estar protocolizado, no caso de Valencia séguese o protocolo de edificios en altura que obriga ao uso de autoescaleras e autobrazos”.
 

Por outra banda, tamén se define o sector de traballo para a extinción. Un é o sector de acceso, rescate e extinción por fachada, o outro é o sector interior para intervención e rescate en interior. En Valencia o procedemento foi o de sector exterior ante a imposibilidade de entrar no edificio. No caso de que haxa vítimas, Sanmartín sinala que “a maioría de persoas falecidas nun incendio é por intoxicación ao respirar gases e partículas nocivas”. 

 

Cabe dicir que os edificios públicos ou de uso público (colexios, edificios oficiais, grandes superficies, etc) poñen a disposición do parque de bombeiros toda a información relativa á súa estrutura, división e materiais. 


 

MATERIAIS DO EDIFICIO

Lucía Fernández, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), sinala que se pode usar todo tipo de material en construción, só que este debe responder a unha serie de especificacións condicionadas pola lexislación sobre edificación. Actualmente en España está en vigor a Normativa Técnica de Edificación, cuxa última actualización se realizou en 2019.

 

“Existe unha clasificación de materiais que vai de menos a máis segundo a potencialidade para estender o lume, materiais máis resistentes a menos resistentes” sinala Lucía Fernández. A catalogación destes materiais responde ás diferentes alturas dun edificio. “A clasificación é de B a D. Por exemplo, no nivel B estes materiais son combustibles pero con pouca contribución para estender o lume, este material desaparece pero non axuda a expandir o incendio”. O material D si achegaría certa contribución á propagación do lume pero non sería elevada. 
 

Como se pode asegurar que os materiais de construción son, até certo punto, seguros? “A resistencia dunha construción está limitada ao código técnico da edificación” apunta Fernández. Cada peza, cada elemento que se usa para levantar unha estrutura debeu ser testado nun laboratorio. Alí mídese o grao de desintegración, a resistencia ao lume, a propensión a emitir fumes ou gases e o derretemento no caso de materiais sintéticos (plásticos). Todos eles deberán levar un certificado onde se reflicta a súa capacidade de resistencia ao lume.

 

Ademais, a resistencia dunha construción mídese no tempo, na resistencia que esa estrutura ofrece ao lume, é dicir, que segue cumprindo a súa función aínda que estea a arder. Esta resistencia mídese en minutos.

 

Por último, as novas técnicas e as novas tecnoloxías para materiais de construción a día de hoxe fan difícil a expansión dun incendio dentro dunha estrutura edificada. As normas en vigor son moi exixentes na actualidade o que converten ao sucedido en Valencia nun feito excepcional. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE