A Mesa entrega a súa carta para O Apalpador: "Que sexa o último Nadal sen programación infantil en galego"
A plataforma traslada a esta figura mítica as súas peticións para que pequenos e mozos teñan o seu espazo na programación na lingua do país.
Na Praza do Obradoiro estivo esta mañá O Apalpador recibindo aos máis pequenos e os seus desexos e aos non tan pequenos, que tamén teñen moito que pedirlle ao revisor de barrigas. Neste caso, foi A Mesa pola Normalización Lingüística a que levo a súa carta de peticións, co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como auténtico destinatario dunha misiva que roga que a deste ano sexa "o último Nadal sen programación infantil e xuvenil en galego".
A pesar das solicitudes, que tamén lle achegaron os máis pequenos da casa e os bombeiros comarcais que permanecen coas súas protestas na céntrica praza compostelá, O Apalpador lamentou non poder satisfacer a todos cunha canle propia con programación infantil e xuvenil, algo que incorpora a Iniciativa Xabarín que foi aprobada de maneira unánime polo Parlamento de Galicia, pero da que aínda non se sabe nada pasados dous anos e con máis de 33.000 apoios cidadáns para a súa creación.
"Mentres non se cumpra o acordo parlamentario promovido A Mesa, con amplo apoio social, a infancia e a mocidade galega seguirá sen poder gozar con programación audiovisual na súa lingua, en todos os dispositivos e plataformas de contidos audiovisuais", reprocha O Apalpador.
POR BAIXO DO 1%
Marcos Maceira, presidente da organización, reitera que as cifras da programación en galego para estas franxas de idade representa menos do 1%. "É apenas o 0,83% da dispoñible nas operadoras de televisión e que a TVG reduciu o espazo reservado a esta programación na segunda canle, mentres que o galego está dispoñible no 0% das emisións na canle temática Clan, de TVE", critica Maceira, que esixe que se cumpran os acordos alcanzados na Cámara autonómica.
"A fobia ao galego de Alfonso Rueda non pode estar por encima da demanda cidadá de que a TVG impulse a oferta en galego para nenos e nenas. Está a impedirse que a infancia e a mocidade galegas teñan unha mínima posibilidade de acceso a contidos audiovisuais televisivos orientados a elas", explican desde A Mesa, que considera a decisión un "boicot" de Rueda e un desprezo da "dirección de RTVE".
"Os poderes públicos teñen deber de promoción do galego e as televisións públicas teñen que estar ao servizo da sociedade. Tanto a TVG como a TVE deben favorecer o acceso das crianzas á súa lingua. Xa abonda de incumprir todos os acordos e leis favorables ao idioma de Galicia", gabia Maceira.
Escribe o teu comentario