Un grupo de mozos leva o Orgullo ao rural co I Pride de Valdeorras o próximo 30 de xuño
Actos e concertos en A Rúa e O Barco protagonizarán esta iniciativa que nace da proposta dun grupo de mozos da comarca para levar o Orgullo LGTBI máis aló das cidades.
O I Orgullo de Valdeorras xa vai tomando forma. Unha iniciativa impulsada por unha vintena de mozos pertencentes ao colectivo LGTBI e que busca pór en valor a todos os membros do colectivo que, desde o rural, reivindican os valores que ten por bandeira este movemento nun mes tan importante como o do ‘Orgullo’.
Xabier Pérez é un dos moitos mozos e mozas que están detrás desta iniciativa, articulada por veciños da zona. Este grupo mantivo contactos coa plataforma Avante LGTBI e outras asociacións locais para a organización do evento, que por agora está a contar cunha boa acollida por parte da cidadanía.
“Aínda que a moitos lles poida parecer que non, tamén en municipios pequenos como O Barco hai unha presenza importante de persoas do colectivo LGTBI. No rural moitas persoas podense sentir máis illadas e invisibles pola falta de recursos e asociacións”, puntualiza Xabier. Nese sentido, reivindica a importancia de celebrar unha data como o ‘Orgullo’ no Barco e outros lugares menos urbanitas: “É moi importante organizar asociacións e eventos tamén no rural, crear espazos de apoio e encontro para a poboación LGTBI lonxe das cidades”.
“A intención é reivindicar os nosos dereitos, visibilizar a diversidade sexual e de xénero, para celebrar a identidade e a diversidade. Todo isto serve para concienciar á sociedade, especialmente á xente dos nosos pobos sobre a necesidade que hai de respectar a dignidade de todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual ou identidade de xénero”, subliña.
PROGRAMA DO PRIDE DE VALDEORRAS
Como o 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGBT, cae en mércores este ano, o 30 de xuño, un venres, parece a data máis indicada para as celebracións nesta ocasión. Ao ser esta a estrea, no Pride de Valdeorras non queren pór grandes metas e, de momento, neste debut celebrarán o ‘Orgullo’ durante unha única xornada. Con todo, e aínda que primeiro queren “ver que tal sae”, a aspiración do grupo é que se converta nunha cita anual.
Manifestos e unha mesa informativa na Rúa a partir das 12 horas na Praza José Antonio Miguez Freire darán o pistoletazo de saída á xornada, para logo no Barco, na Praza do Concello, celebrar máis actos pola tarde.
Os organizadores tamén avanzan que será o grupo ‘Distopik’ o que porá a nota musical á xornada a partir das 19 horas, onde tamén se procederá á lectura do manifesto e colocarase unha urna para que todos os interesados, de forma anónima, poidan deixar as súas dúbidas para que as resolvan desde o colectivo. “Pensamos que se cadra é máis cómodo para que non teñan que falar connosco directamente, xa que moita xente non o faría”, consideran os organizadores.
Desde a organización recalcan que o obxectivo con esta celebración é cear "un espazo seguro e cómodo non só para os membros do colectivo, senón para todas as persons que se queiran achegar a gozar d ela música e dun bo ambiente". "Tentaremos que todo o mundo se sinta benvido", agregan.
“O Orgullo no rural ten que ser unha cuestión de preocupación e traballo para todos, porque todos merecemos vivir coa nosa identidade sexual e xénero sen ningún tipo de medo á discriminación ou a exclusión. Hai que esforzar por crear espazos de inclusión, que é un elemento que require moito traballo, colaboración e compromiso de toda a sociedade para poder concienciar e educar en valores. Fai falta que a xente e as institucións locais participen para que isto cristalice”, conclúe Xabier.
Escribe o teu comentario