As Urxencias do CHUS colapsan dúas veces en apenas seis días: pacientes graves "aparcados nos corredores"

A situación no hospital compostelán é cada vez máis delicada, como denuncia a Asociación de Usuarios e Pacientes do CHUS. O 29 de xuño rexistrouse un colapso; onte outro. No primeiro caso foron 39 os pacientes que estiveron a agardar por unha cama durante horas nos espazos de traballo dos sanitarios, seis graves. Este 4 de xullo eran 42 os enfermos na mesma situación, nove deles graves.


|

A situación no hospital compostelán é cada vez máis delicada, como denuncia a Asociación de Usuarios e Pacientes do CHUS. O 29 de xuño rexistrouse un colapso; onte outro.

 

No primeiro caso foron 39 os pacientes que estiveron a agardar por unha cama durante horas nos espazos de traballo dos sanitarios, seis graves. Este 4 de xullo eran 42 os enfermos na mesma situación, nove deles graves.

 

Image 2022 07 04 at 2.51.57 PM
Colapso nas Urxencias do CHUS o 4 de xullo | Foto: Asociación de Pacientes

 

Con 836 hospitalizados por coronavirus en Galicia, con moitos sanitarios de vacacións e as súas prazas sen cubrir, coa Atención Primaria saturada, con miles de persoas que elixen Galicia como o seu destino vacacional... Non é de estrañar que con todos estes elementos apareza a tormenta perfecta para un novo colapso no Servizo de Urxencias do CHUS, o enésimo en cuestión de moi poucas semanas, o segundo nunha marxe de apenas seis días no centro compostelán, e tamén o segundo de grandes dimensións en Galicia en cuestión de horas despois do denunciado onte por CESM no Montecelo de Pontevedra.

 

NOVE PACIENTES GRAVES ESPERANDO

Onte, ás 13:30 horas, e segundo o relato da Asociación de Usuarios e Pacientes do CHUS, eran 42 as persoas que esperaban nos corredores e zonas de traballo dos sanitarios por unha cama que xa lles foi asignada. Un colapso provocado por " a indiferenza e complicidade dos responsables desta área sanitaria", denuncia a asociación. 

 

"A xerencia e o coordinador do servizo manteñen a 42 pacientes co ingreso asinado nas zonas de traballo, pendentes de ocupar unha cama en planta", comentan, á vez que fan fincapé en que isto supón un novo " incumprimento da Lei de Saúde de Galicia, dos estándares de calidade e recomendacións do Ministerio de Sanidade e das recomendación da valedora do pobo".

 

Neste contexto, polo menos nove pacientes graves, "seis da área de Covid e tres de servizos xerais", esperaban en padiolas e cadeiras de rodas "esperando a ser atendidos nos espazos de traballo". 

 

COLAPSO O 29 DE XUÑO

Os usuarios estaban "aparcados" nos corredores, como xa ocorrera días antes, o 29 de xuño, cando ás 16:20 horas, segundo reporta a plataforma, eran 39 os enfermos co ingreso asinado que se atopaban á espera dunha cama. Nesta ocasión, eran seis os enfermos considerados "urxentes" polo triaxe que esperaban en padiolas ou cadeiras de rodas.

 

"Ata cando se vai a permitir que se siga vulnerando o dereito fundamental do paciente á dignidade e á intimidade?", cuestiona a plataforma. Nesa liña, destaca que a información oficial, "nas últimas 24 horas foron atendidas no servizo 405 persoas e o nivel de ocupación das camas era do 59%".

 

"Non existe, por tanto, un nivel de demanda alto no servizo nin escaseza de medios materiais dispoñibles que xustifiquen esta situación. O coordinador do servizo, que está vinculado ao código deontolóxico da profesión médica colexial, debe velar polos dereitos das persoas que acoden en demanda de atención urxente e polo correcto uso das instalacións. É a súa obrigación non permitir pacientes nos corredores nin a utilización das dependencias como almacén de pacientes que requiren atención en planta", critican.

 

MÁIS MEDIOS, MÁIS PERSOAL, MÁIS DIÑEIRO

Neste sentido, como xa fixeron noutras ocasións, demandan á Xerencia e ao SERGAS que dote de medios humanos e materiais suficientes ao servizo e á Atención Primaria para unha correcta atención dos usuarios, "contratando para iso o persoal sanitario que sexa necesario".

 

Doutra banda, lembran as palabras de Alfonso Rueda, que recentemente considerou que a crise da sanidade galega non era unha cuestión de diñeiro. "Entón, non se entende que por unha idea ilóxica de aforro estea a incumprirse de maneira reiterada e sistemática o deber de proporcionarlle ás persoas que teñen que acudir ao Servizo de Urxencias unha atención digna". 

 

"O obxectivo dos responsables sanitarios pode ser converter en hábito unha conduta reiterada, facendo con iso que deixe de ser noticia e de chamar a atención. Como cidadáns que aspiramos a que se manteña o sistema público de saúde, non podemos deixar de denuncialo", conclúen.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE