Rescatan o corpo sen vida dunha muller do fondo dun pozo en Vilariño, Cambados
Foi un particular o que na tarde de onte deu a voz de alarma indicando que a súa muller atopara o corpo da súa veciña no interior dun pozo.
Os Bombeiros rescataron do interior dun pozo do municipio pontevedrés de Cambados o corpo sen vida dunha muller.
Segundo informou o 112, recibiu a alerta ás 18.30 horas, cando un particular contactou indicando que a súa muller atopara o corpo da súa veciña no interior dun pozo, dunha profundidade dun catro ou cinco metros, situado no Lugar de Sameiro, na parroquia de Vilariño (Cambados).
De inmediato, a sala de operacións do 112 mobilizou os recursos necesarios.
Concretamente, ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, tras chegar ao lugar, solicitou a colaboración dos Bombeiros do Salnés para proceder ao rescate.
Así mesmo, interviñeron axentes da Garda Civil, da Policía Local e efectivos de Protección Civil de Cambados para coordinar as actuacións.
Nestes momentos, as forzas da orde traballan para esclarecer as circunstancias que rodean o suceso.
Escribe o teu comentario