Rubén Pérez Sueiras: "Os touros son un sector onde uns poucos captan grandes cantidades de diñeiro e crean traballos precarios"

Rubén Pérez Sueiras é portavoz da Fundación Franz Weber, unha fundación animalista que avoga pola abolición das corridas de touros. Neste caso, falamos das corridas que se celebran na cidade de Pontevedra durante as festas da Peregrina. Os argumentos que esgrime desde a Fundación é que estamos ante un espectáculo que a día de hoxe só pode manter a base de subvencións e axudas públicas. 


|

 

Toros
Touros en Pontevedra


 

-Por que Pontevedra é a única cidade galega que celebra corridas de touros nas súas festas patronais e por que cres que hai esa afección neste lugar? Por outra banda está o factor dun goberno local teoricamente contrario a este tipo de espectáculos.

Aquí hai dous factores, por unha banda inflúe que a praza sexa de titularidade privada e das mesmas persoas que organizan a feira taurina, porque ao final tamén supón un aforro económico para eles. A praza está buxán o resto do ano, non existe unha programación anual como pode haber noutros equipamentos privados. Ademais, parte da xente que participa na organización e espectáculo, toureiros e mesmo gandarías, forman parte da propia empresa que explota a praza. Isto último tamén é un aforro. A isto únese o efecto de 'aldea gala' ou bastión que ten como efecto que os afeccionados taurinos de Galicia sentan reivindicados nos dous días de tauromaquia. Debo dicir que non se producen cheos na praza pontevedresa e tamén é curioso que sendo a única feira taurina da comunidade, boa parte dos e as asistente son público foráneo, turistas que veñen a outras poboacións de Rías Baixas. En segundo lugar, temos que o propio goberno local mantén un convenio coa empresa propietaria da praza para usala en determinados días do ano. Un exemplo é a Feira Franca onde realizan actividades no seu interior de forma gratuíta, ou ben, que se use para acubillar aos animais que participan en cabalgatas. Aínda que sexa pouco diñeiro, é suficiente para que os propietarios poidan realizar mantemento do lugar. É certo que o goberno local ten unha cuestión importante pois podería rescindir o convenio ou non renovalo e facer outro tipo de actividades na Feira Franca. 


 

-O Concello estaría tamén beneficiar do que son as instalacións, non da feira en si.

Un día ao ano non xustifica ese convenio da mesma forma que se alugasen a praza fóra dese convenio. Seguramente non pagarían o que pagan. Nese sentido, o Concello nese aspecto tería que ser máis valente por iso ás veces dá a sensación que non se desexa avivar o debate quizá porque non interesa moito. As competencias sobre corridas de touros son compartidas entre Xunta e Estado central, hai sentenzas do Constitucional sinalando que as comunidades autónomas non poden prohibir nin regular en exceso a tauromaquia, as autoridades locais si poderían ter un papel de sensibilización ou de non subvencionar ou apoiar directamente estas actividades. O Concello asume a seguridade do tráfico ao redor da praza coa Policía Local, iso son horas extra e traballo de persoal funcionario para que eses dispositivos funcionen.


 

-A suspensión da tauromaquia en Pontevedra podería supor a perda de electorado ao goberno local?

Non o temos claro. A Fundación Franz Weber falou co BNG noutros contextos e co PSOE pontevedrés de cando en vez sobre os touros e o acceso de menores, pero non habemos visto que exista un electorado que, ante a suspensión das corridas de touros, deixen de votar ao actual equipo de goberno local. Certo é que tanto o electorado conservador e o de progresista están parellos, por iso pareceríanos un tanto estraño que o BNG aducise ese argumento. Considero que teñen un modelo de gobernanza onde se prioriza as áreas peonís para unha cidade habitable para as persoas e o caso das corridas vese como algo polémico, como podería ser ENCE. Opor a esta última é facelo a unha empresa allea pero con certo apoio social e no caso da tauromaquia é unha cuestión máis ideolóxica. Non hai medicións ambientais nin de afectación económica, é máis, ninguén se sorprendería ao saber que os espectáculos taurinos en Pontevedra non xeran emprego de calidade e a súa supresión non suporía un mal á cidade porque existen outros atractivos. 

 

-Suporía perder un selo de identidade para Pontevedra?

Existen exemplos como A Coruña onde se suspenderon as corridas e ninguén reclamou a súa volta e que si se fai sería con subsidios públicos e ademais a programación cultural e social é moito máis atractiva. Por tanto, a asistencia de 8.000 persoas dúas veces ao ano a espectáculos de tauromaquia non xera ingresos importantes. Pódense substituír por concertos gratuítos ou entradas máis baratas. Esa sería unha forma de comprobar que se poden facer outras cousas e que se pode romper ese convenio.


 

-E aínda así queda saber cales son os intereses detrás desta festa en Pontevedra. A gandaría de lida, por exemplo, economicamente é relevante?

O touro de lida non é rendible si non hai corridas de touros, por que?, porque se vende moito máis caro este animal que calquera outro tipo de gando comercial. A lei que declara a tauromaquia como patrimonio nacional e inmaterial é consecuencia dun empuxe que realizan tanto formacións políticas como movementos sociais. Isto en parte débese á escasa asistencia ás corridas de touros por parte dun público maioritario, pois as plataformas a favor da tauromaquia son as que promocionan estes espectáculos entre a xente máis nova mesmo con entradas gratuítas para os máis pequenos, no caso galego non pero no resto de España si. Por tanto, estamos ante o mantemento dunha industria onde uns poucos son capaces de capturar unha cantidade de diñeiro importante e a inmensa maioría do sector son empregos de mala calidade e temporais.

 

-E aínda así, hai unha industria detrás, poida que pequena, pero a hai.

 Falamos dunha industria de corte aristocrático e vinculadas a certas elites, sobre todo desde que se lle chamou Festa Nacional na ditadura franquista. E por outra banda, os toureiros xa non son aqueles heroes que saían da miseria para facer unha carreira como matadores. Hoxe en día teñen investimentos inmobiliarios e doutro tipo, todas apartadas do mundo de lídaa porque son coñecedores da súa escasa rendibilidade, só hai subsidios. A Fundación Toro de Lidia está practicamente enfocada en captar fondos para crear circuítos de novilladas e o cociente de público para esas novilladas é moi baixo, por iso necesitan subsidios. 


 


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE