Partido Popular e Bloque pactan que Fernández Galiño siga como Valedora do Pobo

O PPdeG rexistrou no Parlamento a súa proposta para que María Dores Fernández Galiño repita á fronte da Valedoría do Pobo, unha candidatura que conta co aval do BNG, que proporá un adxunto/a.


|

Archivo - La Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, entrega al presidente del Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, el informe anual 2023 de la institución

O pasado martes, 9 de decembro, o Boletín Oficial do Parlamento publicaba a resolución da Presidencia pola que se declaraba vacante o cargo de valedor do pobo e prorrogábanse, mentres, as funcións de Fernández Galiño, que tomou posesión do cargo o 2 de agosto de 2019 para un período de cinco anos, polo que o seu mandato xa expirou en agosto de 2024.

Para aprobar o nomeamento do Valedor/a do Pobo a lei fixa unha maioría de tres quintas partes do hemiciclo, é dicir, 45 dos 75 deputados, polo que o PPdeG, con 40 deputados no Pazo do Hórreo, necesita dalgunha das forzas da oposición.

Así, tras lograr o apoio do BNG, fontes nacionalistas sinalaron que esperan que os populares dean tamén o visto e prace á súa proposta para o cargo de adxunto/a, que até agora desempeñaba María Xosé Porteiro, proposta en 2019 polo Grupo Socialista, cando ostentaba o liderado da oposición.

Deste xeito, María Dores Fernández Galiño seguiría á fronte da Valedoría, sendo até agora a primeira valedora que non dimite desde 2007, ano no que o maxistrado Benigno López tivo que abandonar o cargo envolto nunha polémica xurdida tras expor a suspensión da aplicación da lei de dependencia e considerar "imprescindibles, xustos e necesarios" os recortes.

O seu substituto, de maneira interina e durante tres anos, foi o vicevaledor José Julio Fernández, que deu paso ao mandato de Milagres Otero, que tamén dimitiu no ano 2019 despois de que o Tribunal Supremo ratificase a nulidade do nomeamento do posto de xefe de servizo de Administración e Persoal, por "desvío de poder", a María Puy Fraga, sobriña do expresidente Manuel Fraga e irmá do portavoz parlamentario do PPdeG nese momento.
 

 


PERFIL
Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (1981-1986) e diplomada en Práctica Xurídica pola mesma universidade (1985-1986), Fernández Galiño superou as oposicións de ingreso na carreira xudicial e tamén as oposicións de ingreso na carreira fiscal.

Na carreira xudicial estivo destinada, de 1990 a 1992, no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución núm. 1 de Ponteareas. Ascendeu en 1992 á categoría de maxistrada, con destino de 1992 a 2001 no Xulgado do Social nº2 de Pontevedra. Desde 2001 estivo destinada na Sección 2ª da Audiencia Provincial da Coruña.

Na carreira fiscal atópase, desde o seu ingreso, coa categoría de avogada-fiscal, en excedencia. Así mesmo, ten recoñecida a especialización de Dereito Civil de Galicia.
 

 


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE