Lara Méndez defende a xestión do PSdeG ante o caso Tomé: "foi contundente e rápida"
O número dous do PSdeG reiterou a versión dada polo secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, en rolda de prensa o pasado venres
A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, insistiu este domingo en que a dirección do partido en Galicia non falou "directamente" con "ningunha vítima" en relación ao caso Tomei e que unicamente tiveron coñecemento dun testemuño por unha "terceira persoa".
Méndez pronunciouse respecto diso ao ser preguntada polos medios antes do inicio da manifestación contra Altri, en Santiago de Compostela. Deste xeito, o número dous do PSdeG reiterou a versión dada polo secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, en rolda de prensa o pasado venres.
"As cousas fixéronse segundo o que establecen os protocolos. Escoitamos a unha terceira persoa que nos trasladou o testemuño dunha vítima. Animámola a denunciar, que é o que podemos facer porque hai un artigo do Código Penal que nos impide facer unha denuncia en nome de ningunha vítima", defendeu.
Preguntada polas esixencias de dimisións trasladadas por diferentes voces do partido, Méndez asegurou que entenden "todas as sensibilidades e o malestar" ante estes casos, pero defendeu a actuación da dirección, da que ela forma parte. "A dirección actuou en hora", insistiu.
Escribe o teu comentario