Reunión entre José Tomé e o embaixador español en Arxentina para explorar vías de colaboración
O presidente da Deputación de Lugo analizou novas vías de colaboración entre a Deputación e a representación diplomática española en cuestións vinculadas ao impulso empresarial
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, mantivo un encontro institucional na Embaixada de España en Buenos Aires co embaixador Joaquín María de Arístegui Laborde, dentro da súa axenda oficial en Arxentina. Trátase dunha reunión coa que o presidente provincial busca reforzar a colaboración institucional e empresarial, e proxectar a provincia lucense.
En concreto, analizaron novas vías de colaboración entre a Deputación e a representación diplomática española en cuestións vinculadas ao impulso empresarial, a proxección internacional da provincia e o apoio á comunidade galega no exterior. Pola súa banda, o embaixador expresou a súa disposición a colaborar nas necesidades empresariais e sociais da Deputación para desenvolver as súas políticas de dinamización económica e apoio ao tecido produtivo lucense.
Así mesmo, o senador lucense César Mogo subliñou "a importancia de reforzar os vínculos institucionais entre os dous territorios e o papel crave que desempeña a embaixada como canle de apoio ás administracións españolas e ás comunidades galegas asentadas no país".
Segundo detallou a Deputación nunha nota de prensa, tamén aproveitaron a reunión para abordar "a boa acollida" da denominada Lei de Netos, impulsada polo Goberno de España, "que permitiu recibir máis de 1.042.000 solicitudes de dobre nacionalidade, fundamentalmente de descendentes de terceira e cuarta xeración".
Escribe o teu comentario