A CIG denuncia que a Policía Nacional usa en Ourense propaganda de Vox en charlas escolares

A Confederación Intersindical Galega (#CIG-Ensino) denunciou que axentes da Policía Nacional haberían empregado en institutos de Ourense, dentro das charlas do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos, unha imaxe propagandística de Vox sobre menores estranxeiros non acompañados (“menas”) para ilustrar supostos debates sobre liberdade de expresión. 

 


|

Protege madrid
Cartel da campaña Protexe Madrid usado na charla de Policía Nacional en Ourense segundo CIG

 

O incidente, sempre segundo a versión trasladada pola CIG, ocorreu a semana pasada en varios institutos da cidade de As Burgas, dirixidas a estudantes de 3º e 4º da ESO. Durante estas sesións, que forman parte do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos, os relatores proxectaron o polémico cartel electoral que Vox utilizou na campaña de Madrid, onde se comparaba a pensión dunha xubilada co suposto custo de mantemento dun menor estranxeiro non acompañado. O que acendeu as alarmas do sindicato é o uso de material explícito dun partido político nunha contorna que debería estar protexido da contenda ideolóxica.

 

Galiciapress solicitou a versión da Delegación do Goberno en Galicia, que critica "interpretacións erróneas ou alarmistas que non correspóndense coa realidade destas formacións". A Administración explica que o obxectivo do material era "explicar con claridade que condutas cruzan a liña delituosa e dotar ao alumnado de ferramentas para rexeitalas e denuncialas".

 

Galiciapress tamén se puxo en contacto con Vox en Galicia. O partido ultranacionalista español sinalou que “os calificativo que usa este sindicato  cara a VOX e cara aos seus votantes é o  realmente perigoso nunha sociedade democrática porque si que mostran odio". Na súa opinión "o cartel reflicte unha realidade que preocupa a todos os españois e que, como ben sinala  a xustiza, non incorre en ningún tipo de delito e, por suposto, moito menos nun de odio”.

 

Un cartel polémico que os tribunais arquivaron

Segundo a CIG-Ensino, o material mostrado ao alumnado de 3º e 4º de ESO reproducía o coñecido cartel de Vox da campaña autonómica de Madrid en 2021, no que se contrapuña a imaxe dunha persoa maior coa dun mozo migrante e o texto “Un mena 4.700 euros ao mes, a túa avoa 426 euros de pensión/mes”. 

 

A Audiencia Provincial de Madrid arquivou en 2021 a causa penal aberta contra esa campaña, ao considerar que se enmarcaba na “loita ideolóxica” e non constituía delito de odio, a pesar das denuncias presentadas por organizacións sociais e partidos políticos.​  Segundo a versión da central, os axentes usaron esta imaxe para ejemplificar o que non é un delito de odio, en termos penais. 

 

Para o sindicato, que define este material como" publicidade neofascista", a súa exhibición nun contexto educativo supón unha “gravísima” vulneración da neutralidade ideolóxica e dos obxectivos do propio Plan Director. A central sindical subliña que estas sesións se equipasen na práctica a actividades docentes, e critica que sexa a propia Policía Nacional a que introduza referencias explícitas a un partido de extrema dereita en aulas galegas.

 

Datos manipulados sobre menas e pensións

A imaxe de Vox apóiase en cifras que non se corresponden coa realidade do sistema de protección de menores estranxeiros non acompañados nin co nivel actual das pensións en España. Diversas análises explicaron que os 4.700 euros ao mes non son unha “paga” que reciba cada menor, senón un cálculo aproximado e moi á alza do custo por praza que as administracións abonan a entidades que xestionan a súa acollida, que inclúe aloxamento, manutención, educación, persoal e outros gastos. Segundo organizacións do sector, a cantidade de diñeiro en efectivo que perciben directamente estes menores para gastos persoais adoita ser moi reducida, ao redor duns 20 euros semanais, mentres o resto do orzamento destínase á súa atención integral.​

 

En canto ás pensións, o cartel de Vox comparaba esa cifra con 426 euros mensuais, cando a pensión media de xubilación en España supera amplamente esa cantidade e sitúase actualmente ao redor dos 1.500 euros ao mes tras as últimas revalorizacións aprobadas para 2025 e 2026. A CIG considera que o uso destes datos descontextualizados nas aulas constitúe un exemplo de manipulación que apela ao medo e ao rexeitamento cara a persoas migrantes con fins electorais, algo que, din,  o profesorado vese obrigado a contrarrestar a diario traballando con fontes oficiais e criterios críticos.​

 

O Plan Director e a neutralidade ideolóxica

O Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas é unha iniciativa conxunta dos ministerios de Interior, Educación e outros departamentos, activa de forma permanente desde 2006. Os seus obxectivos inclúen previr riscos como o ciberacoso, a violencia de xénero, o consumo de drogas, o racismo ou os riscos tecnolóxicos, ademais de promover valores de convivencia, igualdade e respecto nos centros escolares.​

 

 No caso de Ourense, a Delegación indica que foi o propio colexio quen reclamou unha sesión sobre os delitos de odio. A Adminstración tacha de "éxito" o desenvolvemento do programa no país, indicando que chegou a uns mil centros e uns 150.000 alumnos. 

 

A xuízo da CIG-Ensino, o sindicato máis votado entre os profesores de Galicia, a utilización de propaganda dun partido de extrema dereita nestas charlas choca frontalmente coa filosofía do Plan, que pretende precisamente reducir os discursos de odio e os estereotipos discriminatorios. O sindicato acusa á Consellería de Educación da Xunta de Galicia de manter unha dobre vara de medir: por unha banda, emite instrucións aos centros para garantir a “neutralidade ideolóxica” das actividades complementarias, e por outro, toleraría —segundo a central— a entrada de discursos que cualifica de neofascistas en aulas públicas e concertadas.​

 

Na nota, a CIG-Ensino enmarca esta denuncia nun contexto de crecente presenza de ideoloxías de ultradereita entre a mocidade galega e do conxunto do Estado. Docentes consultados polo sindicato levan tempo detectando comportamentos racistas, antifeministas ou homófobos entre parte do alumnado, acompañados de discursos construídos sobre o odio de clase, de etnia ou de xénero, que dificultan a convivencia e o desenvolvemento normal do proceso educativo.

 

Os datos demoscópicos recentes reforzan esta preocupación: Vox consolidouse como o partido favorito entre os votantes máis novos en España, especialmente na franxa de 18 a 24 anos, onde roldaría o 25% de intención de voto, por diante de PP e PSOE, segundo enquisas como as de 40dB ou o CIS. Este xiro xeneracional contrasta con etapas anteriores nas que os mozos se inclinaban maioritariamente por opcións de esquerda, e abre un debate sobre a influencia das mensaxes da extrema dereita en redes sociais, medios e, agora, segundo a denuncia sindical, tamén en espazos educativos.​ 

 

A CIG-Ensino lembra que xa reclamara responsabilidades políticas dentro da Consellería de Educación por decisións que, ao seu xuízo, responden a formulacións “reaccionarias” e contrarios ao marco autonómico, e denuncia unha fiscalización do traballo docente que non se aplicaría, en cambio, á entrada de contidos de extrema dereita nos centros.  

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE