Unha enquisa dá a maioría ao PPdeG un ano despois das últimas eleccións autonómicas
O barómetro de Sondaxe dá a maioría absoluta de novo ao PPdeG un ano despois da vitoria electoral nas autonómicas de 2024. Rueda sería o presidente autonómico con maior apoio en todo o Estado, superando as cifras das eleccións pasadas. O BNG seguiría de segunda forza aínda que transvasaría un escano ao PSdeG e Democracia Ourensá podería revalidar o seu escano. Nin Vox nin Sumar entrarían no Parlamento
A maioría absoluta non se despega do PPdeG, ou iso é o que din os números da última enquisa efectuada por Sondaxe sobre intención de voto. Alfonso Rueda repetiría os 40 deputados que xa ten pero incrementando a porcentaxe de apoios con respecto a febreiro de 2024, converténdoo no presidente autonómico de España con maior respaldo electoral. Trátase dun fenómeno de continuidade política que só ofrece variacións entre os grupos da oposición, onde o BNG seguiría como segunda forza pero perdendo un escano que iría parar ao PSdeG, un raio de luz despois do maior desastre electoral da formación nos últimos comicios autonómicos. Polo seu lado, Democracia Ourensá perdería apoios pero vería posible repetir o escano que ten no Parlamento de Galicia. Outras forzas políticas como Vox ou Sumar non obterían representación parlamentaria ao non conseguir o 5% dos votos necesario para poder entrar á Cámara galega.
A enquisa de Sondaxe realizouse entre os días 5 e 13 de febreiro e outorgaba 40 deputados ao PPdeG, 24 representantes ao BNG e 10 ao PSdeG. Por tanto, o arco parlamentario apenas ofrece variacións 365 días tras o último encontro coas urnas para elixir ao inquilino de Monte Pío.
PPdeG
O Partido Popular de Galicia obtería hoxe 40 deputados cun apoio do 45,8% fronte ao 47,4% de 2024 (un descenso do 1,6%). Resulta curioso que co mesmo porcentaxe de apoio a Rueda en 2024, Feijóo tivo unha maioría absoluta con 41 deputados. Por provincias, obsérvase un descenso do 3,3% en Lugo (bastión 'popular' por excelencia xunto a Ourense). Na Coruña descende un 2.5% mentres que en Pontevedra os resultados practicamente serían os mesmos, pero en Ourense habería unha baixada do 1,3% no reconto final.
Por idades, o voto 'popular' tería representación en todas as franxas aínda que cunha presenza notable entre os maiores de 65 anos. A fidelidade ao PPdeG é case monolítica, con case o 87% dos seus votantes repetindo papeleta.
#BNG
Os nacionalistas sumarían o 31,9% dos votos fronte ao 31,3% en 2024, sumando só seis décimas en apoios e perdendo un parlamentario. En Ourense o BNG baixaría un punto fronte ao que gañaría en Lugo e ao 1,6 que gañaría na Coruña, mentres que na provincia de Pontevedra baixa unha décima. En 2024 foi a forza máis votada en Vigo.
A retención de voto na forza capitaneada por Ana Pontón sería do 84.5%. Con todo, un 3,5% dos votantes do BNG iríanse agora ao PSdeG e un 7% dos mesmos estaría a dubidar. A franxa de idade onde mellor se moven os nacionalistas é entre os 30 e os 44 anos, cultivando aí tres puntos sobre o PPdeG. Admás, son segunda forza entre os xubilados.
#PSdeG
Os socialistas galegos poderían ver a saída do túnel no que entraron o ano pasado, co peor resultado da súa historia en Galicia, 9 deputados. Curiosamente, co respaldo obtido nas anteriores autonómicas, 14,1%, os de José Ramón Gómez Besteiro pasarían a ter 10 representantes ante a perda dun parlamentario do BNG segundo Sondaxe e que viría da provincia de Ourense.
O mesmo que o PP, o PSdeG ten a súa caixa de resonancia entre os maiores de 65 anos onde pode obter bos resultados, pero falla entre os máis novos, de 29 anos até os 18, cunha intención de voto do 2,7%.
OUTRAS FORZAS
A sondaxe realizada indica que nin Sumar nin Vox entrarían ao Parlamento por non superar a barreira do 5% dos votos. Pola contra, aínda que baixando algo máis dun punto en estimación de voto, Democracia Ourensá podería revalidar o seu escano.
En canto á abstención, esta permanece baixa, un 34,6%. Doutra banda, hai que destacar a alta porcentaxe de desafección política entre a mocidade. Entre os 18 e os 29 anos o índice de abstención é moi alto, así un 20% dos electores máis novos serían indecisos mentres que o 42,3% din que non votarían a ningunha opción.
Escribe o teu comentario