Gustavo Barcia (Alicerce) e Noa Presas (En Movemento), candidatos alternativos a Ana Pontón na asemblea do Bloque

O Bloque Nacionalista Galego (#BNG) encara o seu XVIII Asemblea Nacional coa presentación de tres candidaturas que competirán o próximo 1 de decembro en Santiago de Compostela. Aínda que o máis probable, visto os precedentes doutras asembleas, é que a candidatura favorita, a liderada pola actual portavoz Ana Pontón chegue a un pacto coas outras dúas para mostrar unidade, non deixa de ser sorprendente tanta competición nunha forza política que cultivou éxitos en case todas as citas electorais dos últimos anos. Listas completas no interior da noticia.


|

La secretaria nacional de Organización de la formación, Lucía López Sobrado, y el responsable de Comunicación del BNG, Xavier Campos, presentan la asamblea del BNG
A secretaria nacional de Organización da formación, Lucía López Sobrado, e o responsable de Comunicación do BNG, Xavier Campos, presentan a asemblea do BNG

A principal sorpresa é a lista Alicerce, cuxo programa aínda non se presentou. Farao o vindeiro sábado en Santiago. Lidéraa, Gustavo Barcia, portavoz municipal en Mos. Das cabezas de lista, é o candidato con menor proxección pública. Aínda así, Barcia é o máis coñecido dunha lista onde non hai nomes destacados na vida interna do Bloque.

 

Habitual nas asembleas frontistas é a presentación dunha lista de “En Movemento”, próxima ao Movememento Arredista, a corrente máis independentista e marxista do BNG, herdeira do que se chamou Movemento pola Base. Encabézaa a deputada autonómica por Ourense Noa Presas, portavoz desta corrente nos últimos anos. De número dous vai David Soto Díaz, edil no Concello da Coruña.


A actual portavoz do Bloque Ana Pontón encabeza unha lista case homónima “Candidatura encabezada por Ana Pontón Mondelo”, unha clara mostra do peso cada vez maior que ten a figura da líder nacionalista, que levou á fronte aos seus mellores resultados electorais da súa historia. 

 

A lista de Pontón lidérana catro mulleres. De dous vai a alcaldesa de Santiago e actual coordinadora da Executiva, Goretti San Martín, de tres a arzuá Lucía López Sobrado e de catro a deputada Olalla Rodil.


Esta candidatura é a máis numerosa. Non só presenta cincuenta nomes ao Consello, incorpora quince suplentes. A de Alicerce só alcanzou a presentar 25 nomes, sen suplentes. En Movemento logrou completar os 50 nomes para o Consello, o máximo órgano de dirección entre Asembleas, pero quedou en só 5 suplentes.

 

Xunto a Pontón hai outros nomes clásicos da vida interna do Bloque e que forman parte da actual Executiva (o órgano que leva o goberno do día a día), como o deputado no Congreso Néstor Rego e o ex-deputado autonómico Bieito Lobeira. Ambos son referentes da Unión do Povo Galego, o histórico partido comunista e patriótico que sempre foi o máis numeroso dentro da militancia do BNG, organización que non é un partido, senón unha fronte de partidos.

 

 

 

Desde a dirección actual, liderada pola lista de Pontón pero tamén con membros de En Movemento, destacan a súa confianza en que a liña política actual, baseada en dar solucións aos problemas cotiáns da cidadanía e defender os intereses do país, permitiralles seguir crecendo.


Baixo a lema,  Coa tua forza, Galicia gaña, a militancia nacionalista  votará para definir as liñas mestras do proxecto político o 1 de decembro. entre as súas metas destaca ampliar a súa base social con vistas ás eleccións municipais de 2027 e ás autonómicas de 2028, coa esperanza de que o avance continuo nas eleccións autonómicas termine levantando a Pontón á presidencia da Xunta.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE