Néstor Rego (BNG): “Galicia non é unha prioridade nin para Sánchez nin para Feijóo"

Néstor Rego, candidato do BNG, protagoniza a primeira dunha serie de entrevistas de Galiciapress a cabezas de lista das principais forzas políticas no camiño ás eleccións xerais do 23 de xullo. 


|

O voto de Néstor Rego (1962) foi decisivo en xaneiro de 2020 para a investidura de Pedro Sánchez. Tres anos e medio despois, o único representante do BNG no Congreso dos Deputados aspira a ser igual de determinante na próxima lexislatura pero estando un pouco máis arroupado en Madrid.

 

Rego atende a Galiciapress antes do inicio da campaña electoral para repasar os logros do BNG no seu regreso ao Congreso, as débedas que quedaron pendentes da "axenda galega" e os obxectivos que se marcan os nacionalistas.

 

O seu non á reforma laboral, o "voto útil" ao BNG o 23X, a súa proposta para o avance das renovables en Galicia ou as melloras en materia de infraestruturas, outros puntos desta conversación.

 

WhatsApp Image 2023 06 26 at 13.14.29
Nésto Rego | Foto: Galiciapress

 

Cando falamos fai case 4 anos comentábame que a súa liña vermella para favorecer a investidura de Pedro Sánchez era a ‘axenda galega’ que presentaba en Madrid. Cantos temas tachou desa axenda nesta lexislatura? Que balance fai?

O balance da actividade do BNG é positivo. Hai catro anos comprometémonos a tres cuestións: defender os intereses da Galiza, impulsar políticas para as maiorías sociais e frear á dereita e á ultradereita. Cumprimos as tres. Houbo unha investidura na que o voto do BNG foi decisivo para evitar que puidese gobernar a dereita ou unha repetición electoral. Pero non demos un cheque en branco, foi un voto a favor dun acordo de investidura, que considero que segue sendo un documento moi relevante porque desbloqueou a axenda galega, a solución a moitos problemas que levaban décadas esperando.

 

Outra cousa é que o Partido Socialista e o seu goberno con Podemos cumprisen só unha parte dese acordo. En todo caso, creo que os incumprimentos hai que anotalos no debe de quen incumpre. Nós fomos constantes na reclamación de que se tivesen en conta os acordos e houbo cuestións que saíron adiante: os descontos na AP-9, onde os usuarios pagan a metade que hai tres anos, a drenaxe da ría do Burgo, a conexión ferroviaria co Porto de Punta Langosteira ou a modernización de diversas liñas ferroviarias, actuacións en materia de política industrial… Pero hai cuestións que non foron atendidas, como o Saída Sur de Vigo ou incumprimentos dificilmente explicables, como o compromiso de crear tres novos xulgados de violencia de xénero e que non se sacasen adiante nesta lexislatura. É incomprensible porque non segue o discurso deste Goberno e a súa serie declarativa contra a violencia de xénero e que non ten o correlato dos feitos. Contra a violencia de xénero non hai só que declarar, senón que actuar. 

 

Dubidou nalgún momento sobre repetir ou non a candidatura para o Congreso? Co ocorrido durante a pandemia e demais, o desgaste debe ser grande…

Recoñezo que desde o punto persoal foi duro. Non é inmodestia: o BNG fixo un traballo moi intenso estes anos en Madrid. Un traballo posible grazas á organización e á militancia, con xente moi comprometida, implicada na realidade social, que coñece os problemas, que sabe cales son as solucións e trasladounas de forma permanente. É duro, pero sentínme sempre magníficamente apoiado, acompañado pola militancia en cada localidade, en cada comarca, que facilitou o traballo e fixo posible que o BNG cumprise o seu compromiso de defender os intereses da Galiza en temas de competencia estatal. Hai miles de iniciativas e emendas a leis e orzamentos que conforman unha radiografía das necesidades deste país.

 


Entendeu a decisión de Sánchez do adianto electoral ou o pillou co pé cambiado?

Non entramos a cuestionalo. Supoño que tomou a decisión calculando que era o mellor para o PSOE. O que teño que dicir é que estamos listos, vémolo como unha oportunidade dun obxectivo que comparte parte da sociedade galega que é reforzar a representación galega libre e soberana en Madrid, esa que só pode facilitar O Bloque, cun grupo galego forte no Congreso. Primeiro, porque se constatou que só o BNG defendeu con coherencia os intereses de Galicia nesta última lexislatura. 

 

Segundo, porque cando o noso voto foi decisivo utilizámolo para favorecer ao noso país. E en terceiro lugar porque queremos que agora ese voto sexa decisivo non puntualmente senón de forma permanente, xa non só para arrincar compromisos para Galicia senón para ter a capacidade de obrigar a cumprilos. Nuns escenarios sen maiorías absolutas, con tres, catro ou cinco deputados do BNG poden ser determinantes para establecer as maiorías e Galicia tería máis capacidade de facer avanzar esa axenda galega. 

"Queremos que agora ese voto sexa decisivo non puntualmente senón de forma permanente, xa non só para arrincar compromisos para Galicia senón para ter a capacidade de obrigar a cumprilos

 

"GALICIA NON É UNHA PRIORIDADE NIN PARA SÁNCHEZ NIN PARA FEIJÓO"

Santiago, Pontevedra, Ribeira, Cangas, Carballo… Moitas alcaldías nacionalistas en localidades por riba dos 25.000 habitantes. O do 28 de maio foi un adianto do que virá o 23 de xullo? Está máis preto poder constituír un grupo propio?

Estamos convencidos. Afrontamos as xenerais despois dun resultado positivo e exitoso. Fomos a forza política que máis creceu en votos, que máis avanzou en incremento de concelleiros e concelleiras…pode ser unha boa base. Se extrapolamos os resultados das locais ás xerais, sabendo que isto sempre é complicado, o BNG tería catro deputados, un por provincia, e moi preto do quinto con outro pola Coruña. Non son automáticas estas extrapolaciones, pero temos a expectativa de que quen confiou no BNG en maio non ten motivos para non facelo o 23 de xullo. Partimos dunha base de apoio electoral moi importante. 

 

O noso traballo nas eleccións vai ser combater esa dialéctica de polarización que nos queren facer crer nunha campaña moi estatalizada, onde o discurso é escoller entre un bloque encabezado por Feijóo ou outro encabezado por Sánchez. Galiza e as súas prioridades non están en ningún deses dous bloques, por tanto o que se trata é de convencer que o bloque de Galicia é o do BNG. 

 

 

No entanto, o avance da dereita, e máis concretamente da ultradereita, pode levar a moitos a pensar que o chamado “voto útil” circunscríbese só a forzas de ámbito estatal. Como desmontar ese argumento?

Coa idea do que non podemos permitir nunhas eleccións queden secundarizados os intereses de Galicia. Nin a axenda de Sánchez nin a de Feijóo os reflicte. O voto ao BNG é dobremente útil: serve para defender os intereses da Galiza e tamén para cortar o paso á dereita. Que o BNG sacase deputado pola Coruña foi determinante para impedir que o tivese Vox. Nestas eleccións pode ocorrer algo parecido co PP. Algunhas enquisas deixan no aire escanos en Lugo e Ourense, en disputa entre o BNG e o PP. Se o BNG entra nesas provincias, e estamos convencidos diso, sacaralle representantes ao PP. Os votos do BNG no Congreso, sexa cal for a súa representación, serán sempre para impedir que Feijóo e o Partido Popular coa ultradereita cheguen ao Goberno. 

 


Hoxe as matemáticas debuxan xusto iso: ou unha gran coalición progresista ou un goberno entre PP e Vox. Os de Santiago Abascal propoñen acabar coas autonomías e ilegalizar partidos políticos. Na moción de censura de Tamames dixo que o BNG ía ser “muralla contra o fasciscmo”. Non hai negociación posible.

Non, non a hai con quenes están máis especializados en recortar dereitos sociais que en amplialos. A experiencia nos debates do Congreso déixao moi claro. Houbo forzas que fixemos causa no avance e recuperación de dereitos, por exemplo no ámbito das pensións públicas, dereitos feministas ou do colectivo LGTBIQ, ou para o conxunto da sociedade, como a Lei de eutanasia, ou as nosas emendas para avanzar aínda máis na Lei de Memoria Democrática; e houbo quen se especializaron en non avanzar e retroceder en dereitos sociais. Con esas forzas da dereita ultra e da ultradereita, que cada vez se parecen máis e sintonizan máis, non só non cabe negociar senón que claramente nos terán en fronte. 


REFORMA LABORAL E LEI DE VIVENDA

Como di o voto do BNG foi decisivo para a investidura de Sánchez sen comprometer o seu voto noutros aspectos, como os orzamentos ou a reforma laboral, á que o BNG votou en contra. Os datos din que, desde que entrou en vigor, baixou o desemprego e os contratos son de maior calidade. Segue considerando que non era unha medida idónea?

O noso voto foi unha posición coherente da defensa e recuperación dos dereitos dos traballadores. PSOE e UP comprometéronse a derrogar integramente a reforma laboral…E non o fixeron! Isto hai que dicilo. Se colocamos nunha táboa os elementos regresivos máis importantes da reforma laboral do PP constatamos que só derrogaron un, e o menos relevante, como era a ultraactividad dos convenios, algo que xa nin se aplicaba. 
 

Modificou outro, como é priorizar os convenios do sector sobre os de empresa, aínda que só nos salarios, e cambiou o tipo de contratación. Pero non modificou aspectos lesivos como a facilidade para despedir, o abaratamento do despedimento, a autorización administrativa previa de EREs, etc. O cambio do tipo de contratos tampouco supuxo ningún avance claro. O que se fixo foi cambiar os contratos temporais, aínda que logo tiveron que facer cambios para recuperar os contratos temporais nalgúns ámbitos, por contratos fixos-descontinuos, que computan como indefinidos a efectos estadísticos, pero non significa que estes traballadores traballen máis que antes. Podemos falar dunha trampa estadística, con fallos desde o punto de vista práctico. 
 

Reitero o compromiso de derrogar a anterior reforma laboral e iso non se fixo. Basta lembrar con que foi unha reforma aprobada cos votos dun partido ultraliberal como Cidadáns, co apoio da FAES de Azanar, co apoio da patronal, co apoio de Patricia Botín e o apoio de Fátima Bañez. Algo quererá dicir todo isto. Posteriormente, BNG, Esquerra e Bildu presentamos unha proposición de lei conxunta para derrogar integramente a reforma laboral do PP. O resultado foi que PSOE, PP, Vox e UP votaron en contra. 

"PSOE e UP comprometéronse a derrogar integramente a reforma laboral…E non o fixeron! Isto hai que dicilo

 

Tampouco contou a Lei de Vivenda co voto favorable do BNG. Pensa que é pouco ambiciosa? 

É evidente que o foi. É unha lei que non está pensada na realidade do noso país, senón para grandes cidades, por riba do millón de habitantes. Foi pouco ambiciosa tanto en compromisos ao impulso á vivenda pública, ás porcentaxes que desa vivenda pública tivesen que ser de aluguer social, nós queriamos máis que ese 30% fixado, e a regulación dos prezos do aluguer. Quedou por baixo dos compromisos que tiña UP, que achantou co que impuxo o lobby inmobiliario a través do PSOE, e nesa medida parécenos unha lei que quedou por detrás do que se pretendía. 
 

O criterio do BNG para apoiar ou non as iniciativas lexislativas dependían de que fosen a favor dos intereses do pobo galego ou da maioría social. Aí están os datos: de 56 leis votamos en contra de 12, a favor de 24 e abstivémonos nas demais. Houbo 24 textos que nos pareceron que supuñan un avance, outras que incorporaban avances pero non os suficientes, e outras que foron decepcionantes e estamos convencidos que iso está na base da desmovilización do electorado da esquerda. Cando o Goberno se compromete a actuacións claras para despois renunciar a elas o que fai é decepcionar a propios e estraños. Iso abre paso á dereita. Por sorte non é o caso do electorado do BNG, que segue moi activo, moi mobilizado e convencido de que as posicións do BNG foron as correctas no Congreso. 

 

Di que a Lei non se axusta á realidade do país, pero si hai un problema coa vivenda, vémolo mesmo en Santiago. Será un dos grandes cabalos de batalla na campaña?

Por suposto. Digo que non se axusta nalgunha medida, pero houbo outras que son clave e que quedaron por detrás. O impulso á vivenda pública. Reclamamos nos últimos 3 anos e medio, e así o din as emendas aos orzamentos, que se cedesen todos os inmobles da Sareb á administración galega, que é a que ten as competencias, para destinalos á política de vivenda pública. Díxosenos que non era posible. Despois de aprobar a lei, Sánchez anuncia que van activar estes inmobles, que non significa o que defendiamos, senón que pretenden vendelos. En todo caso, ese impulso á vivenda pública é unha clave, e que ese 50% destinásese a aluguer social. 
 

IMG 20230626 122040
Néstor Rego durante a súa entrevista con Galiciapress | Foto: Begoña Ares

 

Confiamos máis nesas medidas que noutras que foron máis timoratas ou outras nas que se puideron facer “trampas” como no relativo ao prezo da vivenda. Cando se fala de grandes tenedores establécese que poden ser cinco ou máis, dependendo da Comunidade, pero falando sempre dunha única cidade. Que pasa cos que teñen domicilios en Santiago, pero tamén na Coruña, Lugo e outras cidades? Resulta chocante non consideralos grandes tenedores. É un exemplo de como a lei quedou curta. 

 

"ESTAMOS A favor DA ENERXÍA EÓLICA, PERO CON RACIONALIDADE"

Nas pasadas xerais comentábame que existían certas “débedas históricas con Galicia”. Algunhas seguen aínda hoxe pendentes, como o traspaso da AP-9, pendente das moitas emendas realizadas. Canto máis haberá que esperar? 

Isto hai que atribuirllo particularmente a PP e PSOE. Desde que esta lei, que partía do Parlamento de Galicia, foi admitida a trámite, pasaron meses ata que se iniciou a tramitación e ata que nós denunciamos publicamente e reclamamos á Mesa do Congreso que se pechase o prazo de emendas, e unha vez pechado constituíuse o relatorio, pasaron meses ata que estes partidos tiveron interese en activar este relatorio. 

 

Nós, por respecto ao Parlamento galego e porque vimos que era unha lei suficientemente clara, non presentamos emendas, pero PP e PSOE si, uns seguindo unha política dilatoria e outros que directamente deturpaban o sentido da lei, porque non se trataría de transferir a estrutura senón a xestión. Pedimos a PSOE e PP que retirasen as emendas para permitir unha aprobación rápida da lei, pero non fixeron caso, aínda que o PP no último momento é verdade que en abril as retirou, aínda que o PSOE se negou, contando co apoio por incomparecencia de Podemos, cuxo voto podía ser determinante para decidir si continuábase coa tramitación ou non, pero non asistiu. O comportamento destas forzas estatais é bipolar, que defenden unha cousa no Pazo do Hórreo pero en Madrid fan o contrario. A sociedade galega ten que confiar no BNG, que é coherente e fai sempre o que di que fará, aquí ou en Madrid. 


Tamén nesta lexislatura cristalizou a chegada da Alta Velocidade a Galicia. Máis ben a Ourense. Tamén esta segue sendo unha débeda historica, como a falta de Cercanías…
Hai que subliñar que en todo caso as infraestruturas non están completas, aínda que xa están orzadas a pesar de que as emendas do BNG non foron tidas en conta. Sempre dixemos que sendo isto positivo non podería servir de pretexto para esquecer a débeda histórica en infrestructuras e servizos ferroviarios en Galicia. Estamos moi por detrás doutras comunidades. É unha discriminación sen explicación, tanto na rede ferroviaria, como a liña A Coruña-Lugo, sen modificacións substanciais desde fai máis dun século, ou que non se completase o Eixo Atlántico, ou que non haxa conexión entre Santiago e Lugo cando falta un tramo de apenas 30 quilómetros que non sería moi custoso. 
 

 

Pero é que non temos un servizo de proximidade. Non hai razón para que isto sexa así e preguntei á ministra de Transporte por que era así e que ían facer. Admitiu que non o hai, pero dixo que xa tiñamos a Media Distancia. Isto é chamar parvos aos galegos e galegas. Todo o mundo sabe que os Cercanías implican traxectos específicos máis curtos, horarios máis frecuentes e prezos máis baixos. A Media Distancia concentra a maior parte das queixas e non cumpre co que significan os Cercanías. 
 

E tampouco é unha cuestión de masa crítica. Hai cidades de 240.000 habitantes con este servizo. A área metropolitana de Vigo ou a rexión urbana A Coruña-Ferrol, ambas as por encima do medio millón de habitantes, non teñen este servizo. Hai unha débeda histórica que queremos que sexa compensada canto antes. Este venres, cando presentamos o decálogo do BNG, estableciamos un compromiso claro que é loitar para que haxa un incremento de investimentos territorializado no país para alcanzar os 2.000 millóns de euros. Para 2023 é de 1.072 millóns, lonxe dos máis de 2.200 millóns de 2008 ou 2009, cando o noso voto foi decisivo para aprobar os orzamentos. 
 

IMG 20230626 125252
Néstor Rego durante a súa entrevista con Galiciapress | Foto: Begoña Ares

 

En materia económica, moitos dos grandes proxectos en Galicia dos próximos anos pasan polas enerxías renovables, como as plantas de hidróxeno verde ou a eólica mariña. Vostede foi especialmente crítico con este último punto polos efectos que ten sobre a pesca. “Se Madrid quere enerxía, que coloque os muíños na Castellana”. Cal é a proposta do BNG neste campo?

Estamos a favor da enerxía eólica. Hai que avanzar na transición ecolóxica, na transición enerxética, pero hai que facelo con xustiza social e xustiza territorial. Non pode ser que exista o que os expertos chaman “zonas de sacrificio” e que nós, que sabemos que teñen causas políticas, chamamos “colonialismo”. O Estado especializa a Galiza na produción de enerxía eléctrica para o conxunto de España. Hoxe xa enviamos a outros territorios máis dunha terceira parte da enerxía que producimos. Na Galiza xa producimos máis enerxía renovable da que consumimos internamente.

 

Hai que avanzar pero con racionalidade. Cando dixen aquilo quería pór de manifesto como se opta por favorecer un espolio eólico sen ningún tipo de control, facilitando que as empresas se poidan instalar onde queiran, sen ter en conta xa non só o impacto ambiental, senón tamén socioeconómicos, patrimoniais, no medio de vida de moitas persoas, sen plans eólicos que minimicen o seu impacto… E sen que a Galiza se beneficie. Non falamos de empresas galegas que deixen aquí os seus beneficios e paguen aquí os seus impostos. Por iso falaba da Castellana, desas grandes empresas que pagan o imposto de sociedade en Madrid e levan os beneficios fóra. Galiza paga as consecuencias negativas pero non asume as positivas. 

 

Este é un modelo que rexeitamos, pero hai outros que aceptamos: o da xeración distribuída, que consiste en producir a menor escala, máis preto dos centros de consumo, para evitar as grandes liñas de evacuación nas que se perde enerxía e que son insosteible, unha produción con control público, que reverta no territorio, pór a produción ao servizo da sociedade galega. O desenvolvemento industrial deste país non depende da eólica mariña, depende dunha política industrial que desenvolva as potencialidades do país e que para apoiar esa política aprovéitese a produción de enerxía eléctrica facendo que as empresas galegas sexan máis competitivas cunha tarifa eléctrica galega, como tantas veces reclamamos. Se producimos a enerxía, e somos excedentarios, temos que ter enerxía máis barata que as empresas que consomen enerxía a 600 km de distancia. Non temos que pagar ese transporte, porque xa pagamos os custos ambientais. Imaxinemos a revolución que suporía esa tarifa, un 30% máis barata para as familias e empresas. É elemental. 
 

É a clave dunha reclamación histórica que agora fan outros territorios como Aragón, da que Sánchez dixo que era razoable. Se lle parece razoable a de Lambán, que temos que dicir desde Galiza que levamos moitas décadas con esa política de especialización de enerxía eléctrica con grandes custos sociais e ambientais. 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE