Luís Seara (candidato do BNG en Ourense): “Os ourensáns teñen que elixir entre decencia e corrupción”
Galiciapress entrevista ao candidato do Bloque dentro da súa serie de conversas electorais. Seara admite que os escándalos de Jácome e Baltar enlaman e chama aos electores a rebelarse nas urnas. Os posibles pactos co PSOE, o PXOM, as enquisas e o papel da cultura na cidade son outros dos temas desta charla.
Xosé Luís Seara Fernández (Ourense,1964), repite como candidato do Bloque á Alcaldía de Ourense. Diplomado en maxisterio, leva anos como responsábel local da fronte, malia non proceder da corrente maioritaria, a UPG, se non do Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista (PNG-PG), unha formación máis centrista.
Moito mudaron os tempos dende 2012, cando o PNG marchou a Compromiso por Galicia pero Seara quedou na fronte, malia grave crise que atravesaba. Tras un lustro de retroceso electoral ao fío do auxe das mareas, as tendencias invertéronse. Os nacionalistas levan anos gañando terreo e, de feito, para estas listas lograron fichar a varias persoas que participaran na marea local, Ourense en Común.
Moderado no discurso e tamén nas formas, o ex-concelleiro na Merca, así e todo, coprotagonizou durísimos enfrontamentos co alcalde Gonzalo Pérez Jácome no pleno, que acabaron co edil botando ao opositor. A polémica figura de Jácome está a ser protagonista da campaña polas gravacións que van camiño de facelo sentar no banco dos acusados, en parte pola rapidez do Bloque ao denunciar. Entre tanto barullo, atopamos espazo nesta conversa para falar doutros temas más importantes para o día a día dous ourensáns, como o transporte, a vivenda, a cultura ou o PXOM.
Publicáronse novos audios nos que aparentemente Gonzalo Pérez Jácome describe como logrou cartos en para a campaña de Democracia Ourensana de empresas que fan obras para o Concello. Así as cousas, ¿hai garantías de que a campaña electoral en Ourense sexa limpa?
Evidentemente, o que fai é enlamar a campaña. Nós fomos ao xulgado de garda a presentar unha denuncia e ademais despois á Fiscalía Xeral do Estado para decirlle que ten que actuar e teñen que actuar con celeridade porque o que trata de evitar é destruír probas. O outro día vimos con estupor como Jácome e unha das persoas implicadas nos audios entraban nun edificio municipal de madrugada e saían cunha mochila chea, non se sabe moi ben de que. Isto pode acabar creando un quebranto para o erario público.
Nós intentaremos na medida do posible, con todas as dificultades que isto implica, porque a campaña pivota arredor desta cuestión, facer unha campaña intensa por todos os barrios. Imos a seguir falando con todas as persoas, con moitos colectivos para para tratar de mostrar que o BNG ten un proxecto transformador para o Concello, que agora é máis preciso que nunca.
O verdadeiro debate é como Baltar usa os bens da Deputación como se fosen a súa finca particular.
Baltar non compareceu no xulgado polo presunto delito contra a seguridade vial. Como valoran esta estratexia?
Baltar ten verdadeiro pánico a que antes da campaña saia a foto del sentado no banco por conducir de forma temeraria, por cometer un delito contra a seguridade vial. O que revela é o desprezo absoluto ás institucións, porque eles creen que están por enriba do ben e do mal. Baltar fai o que lle peta, é o vicerrei da provincia, pero no se pode desprezar ás institucións, nin moito menos a xustiza. El tentou, imaxino que de xeito deliberado, contratar un avogado que tivese a axenda ocupada ese día pero non vai poder evitar o inevitable, non só pola comisión dun delito senón por, para nós máis importante, o uso indebido de bens da Deputación para o seu proxecto particular. Ese é o verdadeiro debate, como Baltar usa os bens da Deputación como se fosen a súa finca particular.
Somos a forza política que enarbora a bandeira da rexeneración. A cuestión está nun debate de rexeneración ou corrupción, creo que imos ter un resultado espectacular.
Falemos de enquisas. Nos pasados comicios vostedes lograron dos concelleiros e agora as últimas enquisas danlle dous ou tres. Como perciben o ambiente na rúa?
Nós ás enquisas dámoslle un valor relativo, apuntan tendencias pero non son as táboas da lei. Percibimos unha corrente de simpatía para o BNG. Estamos convencidos de que , ademais sempre pasa así, as enquisas non reflicten o resultado real do Bloque. No 19, a tres días das eleccións, dábanos cero e sacamos dous. Imos sacar moi bo resultado, é o que estamos a ver na rúa.
Ademais o BNG se algo ten demostrado ao longo deste mandato é seriedade, rigor e proxecto. Creo que ademais que neste momento somos a forza política que enarbora a bandeira da rexeneración política e democrática. Agora mesmo a cuestión está nun debate de rexeneración ou corrupción, nese sentido creo que imos ter un resultado espectacular e imos liderar o novo goberno.
A pregunta sobre pactos postelectorias é inevitable. Onte Paco Rodríguez díxonos que ve viable reeditar un bipartito municipal de PSdeG e Bloque. A vostedes interésalles esta posibilidade? Como son as súas relacións con Rodríguez?
Non falamos de pactos até as eleccións porque sería un insulto as veciñas e veciños. O que sí poden ter claro, é que do que nós dependa nin PP nin Jácome ( Democracia Ourensana é a marca blanca do PP) van gobernar o Concello de Ourense.
A partires de aí, aspiramos a ser determinantes e aspiramos a liderar o vindeiro goberno e será despois das eleccións cando veremos as forzas de cadaquén en función dos apoios dos veciños e veciñas.
Ourense, malia ser unha das cidades máis pobres do país …
Ourense non é a máis pobre, é a que máis empobrecida está. É a que máis empobrecida está polas políticas que se levan aplicado polas administracións local, galega e estatal.
En todo caso, ten uns alugueiros moi altos, o que dificulta que os mozos que non emigraron poidan independizarse na urbe. Cales son as medidas que propoñen no eido da vivenda? En que pode axudar en concreto a creación dunha oficina de emancipación xuvenil?
O tema da vivenda é capital para nós. Non porque o Concello teña un problema de vivenda propio, porque hai 17.000 vivendas baleiras, 1.500 na zona vella. Ten que haber unha política pública de vivenda que favoreza as maiorías e as mozas e mozos.
Temos en previsión comprar 10 edificios na zona histórica porque está perdendo poboación, hai 2.000 habitantes menos que hai 10 anos. Isto xera problemas demográficos e de seguridade pública. Eses 10 edificios despois de rehabilitados poranse en alugamento para mozos e mozas e persoas con poucos recursos. Adicaremos tamén dous millóns a persoas particulares -os que así o queira- para a rehabilitación do seus pisos a cambio que o destinen a alugueiro a un prezo regulado. Os tres pisos turísticos cos que conta o Concello pasarán para ser para persoas en risco de inclusión social. Enfocaremos o Centro de Iniciativas Empresariais, para darlle un contido de oficina de emancipación xuvenil, para axudas aos mozos e a todos os que precisen alugar un piso. Todo isto xestionado por unha Xerencia de Urbanismo que tamén terá capacidade de facerse con vivenda e solo para construír vivenda pública.
Relacionado coa vivenda, nas nosas entrevistas, tanto Cabezas (PP) como Rodríguez se mostran partidarios de negociar un novo PXOM con vostedes. Cal é a postura do Bloque en materia urbanística?
O PXOM é unha ferramenta importantísima para deseñar o futuro e o PXOM actual está vello. Estamos nesta situación polo 'cambiazo' do PXOM de Cabezas, hai que dicilo. Foi un PXOM anulado por varias sentencias e agora temos un PXOM vixente do 86.
Nós apostamos por unha nova exposición pública, que parta do momento inicial do PXOM. O que fixo o PP co PXOM ao aprobalo provisionalmente en Xunta de Goberno foi roubar un debate chave á cidadanía. Polo tanto, a nosa primeira medida será sacar o PXOM a debate público, a exposición inicial, para que todos e todas poidan incorporar as cuestións que consideren relevantes.
Se as esquerdas logran a maioría, polos precedentes noutras urbes, é moi probábel que o Bloque asuma as responsabilidades de política cultural …
Insisto, primeiro as eleccións e os resultados, é prematurao falar de pactos e que imos asumir cada un.
Así e todo, hai nada vostede mantivo un encontro con creadores da cidade. Cales son as súas propostas neste ámbito e en concreto, recuperaranse os ciclos de festivais que Jácome abandonou para darlle preferencia as orquestas?
Para nós a cultura é chave, non por cuestión de goberno, tamén como elemento xerador de riqueza e dinamismo social e económico. Imos darlle o rango de Vicealcaldía, até agora sempre foi unha simple concellería. Hai que dar un paso máis.
Recuperaremos os espazos da cultura para as xentes que fan cultura, que fan cultura autoxestionada, nós seremos acompañantes, pondo os medios para que Ourense volva a ser sobranceira neste eido.
Hai que poñer o Auditorio ao servizo das xentes que fan cultura, que non teña custe para as persoas de colectivos ourensáns sen ánimo de lucro. Queremos facer da antiga Biblioteca da rúa Concello a gran casa da cultura de Ourense, autoxestionada. Imos convertir a vella Cadea nun espazo multifuncional, con espazos para a cultura. Queremos abrir inmediatamente o Museo Municipal, pero incorporando o predio do lado, a Casa das Cadeas, para darlle a dimensión acaida. Recuperaremos o moito e ben que se fixo noutros momentos, cando nos tocou gobernar. Para nós a cultura é un elemento central. A cultura e o idioma teñen que ser os alicerces do concello do futuro.
Un dos temas claves na próxima lexislatura vai ser as zonas de baixas emisións. Deben os Concellos obrigar a que se cumpran mediante multas ou hai que ter 'manga ancha' polo menos ao principio?
Ese debate é máis complexo. Non queremos que haxa só unha zona de baixas emisións, senón que a cidade sexa toda ela de baixas emisións, como é Pontevedra. Iso pasa por políticas activas contra o cambio climático e de mobilidade, que reduzan a presenza de vehículos. Se acompasamos política verde e de mobilidade lograremos que non só unha parte senón toda a cidade sexa zona de baixas emisións. Hai que mellorar o transporte público para que sexa eficiente e sustentable, crear aparcamentos disuasorios e que as persoas sexan as protagonistas e recuperen para eles os espazos públicos, dinamizando social e economicamente a cidade.
Apelo á veciñanza, e de xeito singular aos que se sinte estafados e ven como Ourense se degrada, voten a quen voten ,a que aposten por organizacións serias
Unha última pregunta que é máis unha invitación para reflexionar. Jácome investigado polos famosos audios, Baltar comparecendo no xulgado por conducir a 250 por hora, Cabezas dicindo que votar a Jácome e votar a Baltar, Araujo que marchou do PP e foi para Ciudadanos e agora volve ao PP. A moitos ourensans xa nada lles sorprende dos seus políticos. Con todo, de quen é a culpa deste deterioro do debate democrático? Só dos políticos?
Todos temos a nosas cota de responsabilidade. É evidente que Jácome é alcalde porque o PP quixo que fora alcalde e negouse en varias ocasións, cando llo expresamos outros grupos, a desbancalo. Sei que o noso Concello non está no seu mellor momento. O que pasa estes días contribúe á desafección, ou pode contribuír a desafección política …
E ao final a abstención tamén, non?
Claro, sí. Diante desta situación hai dúas alternativas. Resignarse e que todo siga igual ou rebelarse. Apelo á veciñanza, e de xeito singular aos que se sinte estafados e ven como Ourense se degrada, voten a quen voten ,a que aposten por organizacións serias, rigorosas que xa demostraron onde gobernan que melloran a calidade de vida das persoas. Unha cuestión fundamental é que sexan forzas que permitan recuperar o orgullo da cidade. Eu pido as veciñas e aos veciños que se rebelen nas urnas e que elixan entre rexeneración política, decencia ou corrupción, non hai outra.
Escribe o teu comentario