O BNG esixe ao alcalde de Celanova a retirada da carpa que cobre a estatua de Curros
Aseguran que tanto o rexedor local como o técnico de cultura "deberían ser os primeiros en traballar pola conservación do patrimonio". Con todo, critica o BNG, "calan e consenten"
O Bloque Nacionalista Galego de Celanova esixiu ao goberno local que ordene a retirada dunha carpa que cobre a estatua de Curros Enríquez inaugurada en 1951, ano do centenario do nacemento do poeta, situada nos xardíns fronte á alamedia.
O BNG en xaneiro de 2020 lanzou unha proposta para unha ordenación do uso do espazo público do pobo diante da descontrolada ocupación do mesmo. Os nacionalistas consideran que a autorización para cubrir o xardín que acolle a estatua de Curros e que fai parte dun único conxunto arquitectónico que fai honra ao poeta é unha mostra de descoido intolerable por parte do goberno municipal, a respecto do patrimonio histórico local.
O grupo municipal do Bloque afirma que espera desde hai tempo unha reacción desde o goberno municipal do Concello de Celanova fronte a estas agresións continuadas ao patrimonio histórico. O propio alcalde e o técnico de cultura, que, aseguran, "deberían ser os primeiros en traballar pola conservación do patrimonio, calan e consenten".
Aseguran que se trata de "unha mostra de desconsideración absoluta polo legado histórico cultural e un desprezo ao dereito á cultura e ao patrimonio de todos os veciños de Celanova, ademais dun disparate desde o punto de vista da promoción do pobo como referente cultural".
Escribe o teu comentario