A moza que denunciou unha agresión sexual en Ferrol recoñece que os feitos non se produciron
Segundo a denuncia presentada inicialmente, os feitos producíronse na Praza de España cando a muller se dirixía a unha vivenda na que reside actualmente, na rúa Galiano, ocupada por varias persoas
A moza que denunciara unha agresión sexual e física en Ferrol durante a noite do martes ao mércores recoñeceu nesta xornada que os feitos, polos que fora detido un home, que permanecía en comisaría, non se produciron.
Fontes coñecedoras da investigación aseguraron a Europa Press que a muller recoñeceu, nunha declaración en comisaría que tivo lugar esta mesma xornada e na que estivo asistida, en todo momento, polo seu avogado, afirmou que non houbera violación.
Segundo a denuncia presentada inicialmente, os feitos producíronse na Praza de España cando a muller se dirixía a unha vivenda na que reside actualmente, na rúa Galiano, ocupada por varias persoas.
Relatara que ao pasar pola praza atopouse con catro novos de orixe magrebí, un deles coñecido, polo que se tomou unhas cervexas e consumiu algunha sustancia estupefaciente.
Engadiu que os homes comezarían a agredila e mesmo un deles chegou a sacar unha arma branca, para amedrentala, polo que dixo gritar. Como consecuencia diso, contou que tres deles abandonaron o lugar á carreira, pero outro quedou e agarrouna do pelo e arrastrouna até a entrada ao aparcadoiro e un muro, onde a agrediu. Agora, segundo as fontes consultadas por Europa Press, retractouse.
Escribe o teu comentario