"O presdiente de Monbus é un gánster e un explotador": nova xornada de folga de autobuses na Coruña
Os condutores do transporte de viaxeiros por estrada na provincia da Coruña secundarán este venres unha nova xornada de folga, a última antes de que patronal e sindicatos senten a negociar o próximo 26 de xaneiro e a última antes de que a folga se volva indefinida o próximo 2 de febreiro, se non o remedia un acordo nos próximos dez días que non parece nin moito menos sinxelo. CIG, UXT e CC.OO. convocan esta folga que Ernesto López, representante da FGAMT-#CIG, analiza para Galiciapress despois de meses de bloqueo e cunha patronal dominada por Monbus, cuxo presidente, Raúl López, é o obxecto dunhas críticas compartidas coa Xunta.
Este venres moitos usuarios do transporte público mirarán o reloxo na parada do autobús, esperando por un autocar que non chega en hora e que, seguramente, non chegue. Ás portas dunha nova xornada de paros no transporte de viaxeiros por estrada en toda a provincia da Coruña -o décimo desde decembro-, os sindicatos CIG, CC.OO. e UXT chaman á unidade nun sector que leva meses demandando melloras para un colectivo que arrastra anos de parálises nas súas condicións laborais.
CHAMADOS A NEGOCIAR O LUNS
Ernesto López, representante da FGAMT-#CIG, subliña que até a data os traballadores “responderon á folga” e que, a xuízo dos sindicatos, a folga “está a ser un éxito”. Tras dous meses de presións, finalmente a patronal cedeu e levantado o teléfono para iniciar un proceso de diálogo até onte suspendido ante un convenio provincial caducado desde hai xa catro anos. O encontro será na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, en Santiago, o luns 26 de xaneiro, a partir das 10:30 horas.
Non resultou sinxelo chegar até este encontro, pois os escollos foron moitos. Os sindicatos reiteran que se trata dun texto “desfasado e obsoleto”, polo que é necesario sentar a negociar a actualización do convenio, totalmente bloqueado pola parte empresarial, á que López acusa de deixar o diálogo “en ningún punto”.
“Non está en ningún punto porque non hai negociación. Non temos negociación; é un conflito prolongado no tempo e apoiado pola parte social, pero que non está a ter resposta da patronal porque non hai mesa”, dicía López antes da convocatoria para o día 26, subliñando sobre o “principal problema” que están a atopar para tratar de desbloquear esta situación, para a que pediron a mediación.
Unha xestión levada a cabo polo Consello Galego de Relacións Laborais. A normativa indica que calquera das partes pode reclamar a mediación e que a outra parte ten tres días para rexeitala ou aceptala. Con todo, a patronal, asegura López, “fixo unha aceptación condicionada”, un suposto que non está contemplado, o que non fixo máis que enquistar aínda máis a situación.
Os empresarios aceptaban abrir a mesa de negociación co compromiso de que se desconvocarían as folgas, un extremo que non admitiu a representación dos traballadores. “Iso non se vai a dar. Non imos suspender a folga. Na práctica o que están a facer é rexeitar a mediación”, lamentan desde a CIG, á vez que lembran que serán os empresarios os que terán que dar explicacións á Xunta dos atrasos para alcanzar un acordo, algo sobre o que se pronunciou o propio Alfonso Rueda.
“A Xunta é a primeira interesada en que se resolva, porque é a administración de todos os cidadáns que están a sufrir as consecuencias”, manifestou esta semana o mandatario, que tamén salientou que os servizos mínimos “hai que cumprilos e si non se cumpren ten que haber sancións”. Uns servizos mínimos que López interpreta como “unha forma de amortecer o impacto das folgas” e que neste caso resultan “moi abusivos”.
“Cando se trata de servizos públicos, a Xunta ten esa tendencia ideolóxica de entender que o dereito de folga debe ser limitado”, censura, pedindo á súa vez que sexa a Xunta a que tamén poña do seu parte nun escenario onde “están a tomar como reféns a todos os cidadáns”.
“O TRANSPORTE COLECTIVO ES UNHA NECESIDADE, NON UN CAPRICHO”
“Os cidadáns teñen o transporte colectivo como unha necesidade. Non é un capricho nin un luxo, é unha necesidade”, salienta, consciente de prexuízo que a folga está a supor en moitos viaxeiros, obrigados a readaptar a súa rutina ou buscar alternativas para non quedar tirados na parada esperando por un autobús que non chega. Todo iso, nun contexto onde os datos indican que o número de usuarios deste medio de transporte non deixa de crecer.
“Se eu chego á estación e non hai autobuses, pois me cabreo. É normal. Como non che vas a cabrear?”, admite López, que se fai cargo, como os seus compañeiros, do cabreo dos viaxeiros, moitos deles organizados para recoller firmas contra a patronal. Os folguistas din comprender a frustranción dos usuarios, pero que convida a dirixir cara aos empresarios e a Xunta, “que permite desde novembro, cando se puxo o aviso de folga, e non fixo absolutamente nada para sentarnos a negociar”.
A continuación, critica que sexa o Goberno de Galicia a que “nos bota sempre a culpa aos demais”. “Son o porteiro de fútbol malo, ao que lle tiran un balón e fai a estatua. Eles non fan nada por parar o balón. Se o tenta parar e non o para, bo, pero é que se están quedando quietos e iso é inaceptable e convérteos nos máximos culpables”.
De igual maneira, López cre que o discurso da Xunta é interesado, porque aínda que agora recoñecen que “os titulares das liñas son eles”, noutras ocasións sinalan que son as empresas concesionarias as que explotan esas liñas. “É curioso como Feijóo utiliza isto para botarlle as culpas a Pedro Sánchez porque non hai coches para chegar a todas as aldeas, pero cando era presidente de Galicia deixou a unha chea de sitios sen parada e esnaquizou o transporte regular de viaxeiros deixando a anciáns incomunicados”, reprende, á vez que resume o enfrontamento político en “cando mando eu o transporte impórtame un pemento, e cando non, é o leite”.
A PRIMEIRA OFERTA, “UN INSULTO”
A parte sindical esperaba este paso á fronte para definir a folla de ruta que dependerá dos camiños sobre os que queiran levar os empresarios este diálogo. Sen negociación, até agora non se estableceron as liñas vermellas, polo que hoxe as reivindicacións do colectivo seguen nun caixón, pois a única proposta foi “un incremento salarial do 1,2%”, algo que entenderon como “un insulto ao persoal”.
O tope establecido no 2% segue sendo, ao seu xuízo, igual de insultante, porque “o 2% non se dá en ningún convenio asinado en España nin este ano nin o pasado”. “É unha forma de dicirnos que hai que ir á folga”, claman desde a CIG, que piden negociar un incremento salarial maior para un colectivo que ten un soldo bruto, segundo o establecido no convenio provincial vixente e caducado, de entre 1.400 e 1.600 euros contemplando os distintos bonus.
Pero non só o tema monetario é unha urxencia a resolver, senón que hai outras propostas, como a rebaixa da xornada laboral que deben abordar con prema porque “este é un traballo que queima, moi duro, onde hai implicacións de seguridade”. Por iso, reclamacións como contar con tres días de asuntos propios son uns mínimos cos que López cre que “non descubrimos a pólvora”.
“UN MAFIOSO E UN GÁNSTER”
“Que cousa tan estratosférica, non? Pero, claro, cando non hai con quen falar, xa poderiamos estar a pedir a lúa ou poderiamos estar a pedir unha miseria, que daría o mesmo”, quéixase López, que non dubida en sinalan a Raúl López, presidente de Monbus, como o auténtico culpable do bloqueo: “É un gánster”.
“Este sector está encabezado por un gánster. Raúl López é un mafioso e un gánster co 51% da mesa. E cando tes que falar co máximo expoñente do sector, negociamos cun señor que se cre que estes é o salvaxe Oeste e vai coa pistola no cinto”, sosteñen desde a parte sindical, que, de feito, xa dirixiu durante as marchas na rúa, como a celebrada onte xoves, algúns cánticos xa habituais contra Raúl López como "Raúl, escoita, estamos en loita" ou "Monbus culpable, Xunta responsable".
“Non falamos de calquera. Estamos a falar dun señor que se caracteriza por ser un explotador, por trapichear coas liñas e por extorsionar a compañeiros de profesión. Coidado con este señor. Cando ti síntasche con catro asociacións, pero unha ten o 51% da mesa e está encabezada por el, pois é o que manda”, advirten desde a CIG.
Os sindicatos manteñen a unidade sen desconvocar o paro deste venres e coa posibilidade latente de que a folga se faga indefinida a partir do 2 de febreiro se nada o remedia. “Non é inevitable. Nada o é”, insisten os representantes dos traballadores, esperando unha mellor vontade negociadora a partir do luns. Mentres, o bus seguirá sen pasar este venres e os viaxeiros seguirán esperando na parada.
Escribe o teu comentario