Percebeiros de Cariño e Consellería do Mar reúnense para analizar a xestión deste recurso
A Consellería puxo en marcha 153 plans de recursos específicos, dos que 63 están destinados ás confrarías ou entidades asociativas e cinco a empresas de transformación e comercialización
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Anxos V. Suárez, reuniuse coa asociación de percebeiros de Cariño para analizar o plan de xestión deste recurso, aprobado no mes de xaneiro co fin de "favorecer a conservación e explotación responsable, racional e sostible deste produto durante un período de tres anos".
O obxectivo, segundo explicou a Xunta nunha nota de prensa, é "afianzar na monitorización e mantemento do bo estado do recurso e do seu ecosistema" para cumprir así coa normativa existente.
En concreto, a Consellería puxo en marcha 153 plans de recursos específicos, dos que 63 están destinados ás confrarías ou entidades asociativas e cinco a empresas de transformación e comercialización.
Neste sentido, a directora xeral destacou o compromiso da Xunta co sector e enmarcou o encontro no modelo de cogobernancia que preside a xestión pesqueira de Galicia e na rolda de contactos periódica da Consellería coas diferentes confrarías galegas.
Así mesmo, detallou que a reunión tamén serviu para avaliar as necesidades actuais desta entidade de face a establecer posibles vías de colaboración no futuro.
Escribe o teu comentario