Pobreza infantil en Galicia: datos que non deixan de asustar
A pobreza infantil en Galicia existe e afecto a máis de 90.000 nenos e nenas segundo os últimos datos manexados por ONGs e estadísticas. Os fillos e fillas en familias monoparentais son o colectivo que máis creceu a pesar das cifras positivas en canto redución nos índices de pobreza na comunidade galega. Que sucede para que isto sexa así?
A pobreza infantil converteuse nun reto para as autoridades galegas. Segundo informes de distintas ONG, ao redor de 93.000 nenos e adolescentes galegos viven nunha situación complicada debido á exclusión social e á precariedade económica. Estamos a falar de que un de cada catro menores galegos están en risco de pobreza ou exclusión social, un 25% si mírase fríamente. E aínda que os factores económicos actuais teñen moito que ver con esta realidade, tamén se debe ter en conta que na maioría das situacións, a pobreza pode pasar de xeración en xeración sen que se vexa unha saída durante décadas. É por iso que a creación de plans integrais tanto de inserción laboral, de apoio ás familias, sobre todo aquelas monoparentais, e de melloras en canto a mobilidade social pódese combater a pobreza entre a infancia e a adolescencia.
CAUSAS
A orixe do fenómeno é multifactorial. Entre os motivos está a alza dos prezos sobre todo en produtos básicos, seguimos coa precarización laboral existente na maioría de sectores, salarios conxelados e o encarecemento da vivenda. Todos estes factores xuntos están a dificultar cada vez máis a vida de moitas familias galegas. A pesar de que Galicia se sitúa por baixo da media estatal en índices de exclusión, o 20% da súa poboación -máis de 550.000 persoas- atópase en situación de exclusión social e dentro desta porcentaxe os menores son o grupo máis vulnerable.
EAPN-Galicia destaca o dato de que 115.000 familias monoparentais están en risco de pobreza severa, basicamente, nai e fillo(s). As coberturas sociais apenas alcanzan pero si se pode dicir que nalgúns aspectos mellorouse, un exemplo é a educación gratuíta de cero a tres anos que pode favorecer a conciliación laboral a nais ou pais que viven só cos seus fillos. En tal caso, a falta de recursos neste tipo de familias vén dada por factores como: nais migrantes cun ou dous fillos, divorcios nos que non se pasa a pensión pertinente, a proxenitora ou proxenitor “prolongan” a xornada laboral coa atención aos fillos (xornada laboral moitas veces con salarios en precario).
Outro factor é a retirada ou cesamento dalgunhas medidas sociais que estiveran axudando a soster o núcleo familiar. Isto sucede cando se retira a Renda de Integración Social de Galicia (#Risga) a unha persoa por determinados factores. Outra solución cancelada foi o 'cartón moedeiro' para que persoas en risco de exclusión puidesen realizar compras en supermercados. E a última, a cancelación do complemento ao abono térmico. Ambas as medidas adoptáronse durante a pandemia e foron retiradas pola Xunta aducindo “melloras económicas” tras a COVID-19.
ESTATÍSTICAS
A #UE utiliza a taxa AROPE (At Risk of Poverty or Social Exclusion) como indicador para medir a porcentaxe da poboación que se atopa en risco de pobreza ou exclusión social. Este indicador agrupa ás persoas que cumpren polo menos un dos seguintes tres criterios:
-Estar en risco de pobreza (vivir nun fogar con ingresos inferiores ao 60% da mediana nacional).
-Sufrir privación material e social severa (non poder acceder a determinados bens ou servizos básicos).
-Vivir nun fogar con baixa intensidade de emprego (os adultos do fogar traballaron menos do 20% do seu potencial laboral durante o ano).
Este indicador serve para medir o cumprimento de obxectivos da Axenda 2030, entre os cales está reducir en polo menos 15 millóns o número de persoas en risco de pobreza ou exclusión social, das cales polo menos 5 millóns deben ser nenos na UE.
Segundo o informe EAPN 2024, a taxa AROPE máis elevada en Galicia en 2023 seguía sendo a de menores de 18 anos (28,2 %) e que aumentou 3,5 puntos. Séguelle a das persoas de 18 a 64 anos (25,3 %) que crece 1,7 puntos, mentres que a máis baixa segue sendo ao do grupo de 65 anos ou máis (24,5 %) que aumenta 1,4 puntos.
No informe tamén de EAPN-Galicia de febreiro de 2025, o resultado volvía ser negativo. Segundo os datos recolleitos, en 2024 a taxa AROPE entre a poboación menor de idade era a única que non melloraba con respecto ao ano anterior. Deste xeito, o 34,6% dos nenos, nenas e adolescentes (NNA) estaban en risco de pobreza ou exclusión social, o que supón o valor máis elevado de todo o período estudado. Pola contra, a taxa AROPE diminuía entre a poboación de 18 a 64 anos até un 25,6% e de maneira máis acusada entre as persoas de 65 anos e máis até o 19,5%.
E en canto ao risco de exclusión sobre os fogares repítese a tendencia: os monoparentais son os máis castigados sendo o 50,3% do total, o que indica unha baixada de 2,4 puntos respecto de 2023 pero aínda así, a porcentaxe é moi elevado.
Se se busca unha ou máis explicacións, entre elas podemos atopar que aqueles obxectivos da Axenda 2030 para reducir a pobreza están lonxe de cumprir. Por outra banda, fontes próximas ás ONGs mencionadas apuntan que os menores de 18 anos “non votan”, non teñen ese “valor engadido” que si posúen os maiores de idade. Isto en xeral, porque no caso galego a Xunta aínda non elaborou un censo sobre pobreza ademais de non desenvolver a Lei de Familias. Estes dous elementos permitirían un mellor control dos índices de pobreza e actuar con coñecemento de causa.
En definitiva, a pobreza infantil en Galicia é un fenómeno persistente e crecente, que ameaza con perpetuar se non se abordan as súas causas estruturais. O reto é maiúsculo: evitar que a pobreza siga herdar de xeración en xeración, como sinalaba Cáritas Diocesana de Lugo, e garantir a todos os nenos galegos un futuro con igualdade de oportunidades.
Escribe o teu comentario