A 'volta ao cole', o custo máis temido polas familias á volta do verán
O gasto en material escolar, desde libros de texto até roupa deportiva, é unha das maiores preocupacións das familias. No caso de Galicia existen axudas para familias de escasos recursos pero aínda así o desembolso é importante para elas. Gratuidade total no ensino público ou determinado control sobre os prezos en libros de texto, son algunhas das propostas para reducir ou eliminar este peso sobre as familias
O curso escolar 2024-2025 está ao virar a esquina. Non hai outra opción que ir buscar todo o material necesario para que nenos e nenas poidan ter todo a punto e iniciar o ano académico con todo listo. En primeiro lugar temos os libros de texto, imprescindibles para o currículo académico no ensino obrigatorio e que pode supor un gasto de até 400€. A continuación está o material para actividades extraescolares, isto implica materias como educación física (roupa deportiva), música e outras, as cifras poden ser entre 300 ou 400€. Nalgúns casos, o comedor escolar, se se cobra, pode supor un custo adicional de entre 3 e 4 euros por día e alumno ao ano. Certo que existen axudas para familias con escaseza de recursos pero devanditas axudas en ocasións non cobren unha cantidade que non implique un desembolso importante dependendo da situación familiar.
CUSTOS E AXUDAS
O orzamento familiar a inicios de curso pode ver minguado co gasto en material educativo e complementario. Nese sentido, deixando ao carón os centros privados, hai quen considera oportuna a gratuidade universal tanto de libros como cadernos e demais material necesario. “Este material no ensino público debería ser gratuíto porque o ensino público debe ser igual para todos, sen custos e de calidade” di Isabel Calvete de ANPAs. “O gasto escolar é enorme, tanto en material didáctico como en materias extraescolares” sinala Óscar Porral de Unión de Consumidores Galegos (UCGAL).
Existen axudas públicas desde o goberno autonómico para que familias sen recursos. Aínda así, este diñeiro achegado polas arcas autonómicas varía segundo os tramos de ingresos que establece a Xunta. Para material escolar existe un vale para rendas igual ou inferiores a 10.000 euros anuais. Se subdivide en dous tramos: a) rendas iguais ou inferiores a 6.000 euros reciben un valo por 75€, b) rendas superiores a 6.000 euros e iguais ou inferiores a 10.000 euros, o vale será de 60 euros. Alumnado de Educación especial ou con discapacidade igual ou superior ao 65% ten un vale de 75 euros.
As axudas para libros non reutilizabes (os dous primeiros cursos de Primaria, Educación Especial e para os que ten necesidades específicas de apoio educativo que lles impiden usar os libros do Fondo Solidario) tamén se dividen por tramos. Rendas iguais ou inferiores a 6.000 euros para1º e 2º de Primaria achéganse 240 euros, rendas superior e igual ou inferior a 10.000 euros, a achega é de 160 euros. No caso de Educación Especial ou o grao de discapacidade igual ou superior ao 65%, a achega será de 300 euros con independencia da renda.
Existen axudas tamén para aquel alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e que non poida usar libros do Fondo Solidario, entregaranse axudas que van dos 160 euros aos 280 euros, todo segundo o tramo. O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta, o importe da axuda será o maior que lle corresponda con independencia da renda per cápita da unidade familiar.
As axudas aínda así, son consideradas insuficientes “por iso pedimos a gratuidade para todos por ser un dereito básico, nese sentido, débese revisitar o gasto das familias” apunta Calvete”. “As axudas non son universais aínda que aumentaron levemente pero non cobren o gasto na súa totalidade e ese gasto aumenta ano tras ano” destaca Óscar Porral.
SUBIDA DE PREZOS E VÍAS DE POSIBLE AFORRO
E-Dixgal é o programa autonómico para a promoción do uso de novas tecnoloxías nas aulas. O centro educativo presenta o seu proxecto para o uso de E-Dixgal que se aplica a partir de 5º de primaria e terá unha permanencia de catro anos. No programa deberanse presentar, como mínimo, seis materias por cada curso. A Xunta de Galicia realiza o préstamo dun computador no que os contidos están xa fixados, ou ben pola Xunta ou por profesores.
Que sucede coas materias non incluídas en E-Dixgal polo centro educativo? Os pais e nais deberán comprar os libros de texto e esta vez non haberá axudas porque ao aforrar varios libros grazas ao computador, dedúcese unha redución importante en libros de texto. Doutra banda está o Fondo Solidario de Libros, sistema ao que poden recorrer en caso de non poder facer fronte a ningún gasto. Son os centros quen dispoñen destes fondos, habendo obrigatoriedade de devolver o ou os libros prestados a final de curso dependendo de si son ou non reutilizables para o seguinte curso.
O que si é evidente para todas as familias é o aumento de prezo en libros ano a ano. As editoras aducen gastos en pagar dereitos de autor por fotografías, a subida de prezos do papel ou cambios lexislativos. “O libro de texto é un material máis que amortizado pola súa duración temporal, pola cantidade que se vai a vender e porque se coñece o número de alumnos que van usar un libro determinado ou outro” di Porral. Non esquezamos que o prezo destes textos está liberalizado. En tal caso, a subida de prezos non se considera xustificada por parte de pais e nais así como de asociacións que os representan.
Escribe o teu comentario