Patricio Sánchez, Foro Económico Galicia: "Non creo que a pandemia tivese un efecto significativo sobre as políticas de creación de emprego"

Patricio Sánchez é profesor na Universidade de Vigo e subdirector do Foro Económico de Galicia. Este organismo publicaba hai uns días o seu informe conxuntural relacionado coa situación económica de Galicia onde mostraba algunhas melloras pero aínda así, a economía galega só crecera sete décimas por baixo da media española


|

Patricio
Patricio Sánchez

 

-Cales son os principais motivos que explican un crecemento do PIB galego sete décimas por debaixo da media do Estado?

A economía española sufriu máis a crise que a galega, de tal xeito que tiña máis marxe de mellora. Se a isto se lle engade a xa tradicional reacción máis lenta que temos fronte aos cambios, tanto no positivo como no negativo, explica en boa medida este comportamento. Aínda así o importante é que seguimos confluindo coa economía española en termos relativos.

 

-Dentro da actual coxuntura onde o sector terciario acapara a meirande parte dos recursos humanos en Galicia, por que o sector da manufactura e da construción recollen na actual coxuntura uns mellores resultados de crecemento?

A principal razón é semellante á explicada na pregunta anterior: tiña máis marxe de mellora porque partía dun nivel máis baixo. Certamente, estamos ante unha boa nova que é o bo comportamento do sector industrial sobre o que vimos insistido dende hai tempo no Foro pola súa importancia.

 

-As políticas de prezos sobre os produtos pesqueiros e agrarios son as causantes da contracción no sector primario?

Sen dúbida non favorecen, pero tamén está presente un certo agotamento motivado polas taxas de crecemento tidas ata o de agora (nalgúns subsectores, mesmo en plena incidencia da crise pandémica).

 

-En canto ao mercado de traballo, o informe de coxuntura fala dunha mellora tanto na redución de persoas desempregadas como tamén unha redución da temporalidade. Que factores están detrás destes puntos?

O principal factor é a reforma laboral. As cifras evidencian os seus efectos. Queda agora por ver a evolución futura unha vez descontado o efecto directo e inmediato.
 

-O incremento de poboación activa deuse en colectivos como mulleres, xente nova ou inmigración de fóra da UE, sobre todo en empresas privadas. Que sectores absorberon máis man de obra? Falamos de man de obra cualificada?

O reparto ten sido razoablemente equilibrado entre sectores pero, efectivamente, hai un problema d cualificación.

 

-A pandemia e a crise que trouxo parella serviron para que os poderes políticos incrementasen posteriormente as políticas de creación de emprego en Galicia?

A creación de emprego ten estado sempre presente nas políticas económicas. Non creo que a pandemia afectase significativamente sobre este eido.
 

-Consideran que a política económica da Xunta de Galicia favorece a instalación e a apertura de novas oportunidades empresariais e de creación de emprego?

Os recentes pasos impulsados pola Xunta de Galicia, coa sociedade Impulsa como principal referente nesta materia, apuntan na boa dirección. Resulta imprescindible a colaboración público-privada e todos os esforzos que se fagan pola promovela son poucos.
 

-A día de hoxe, os Fondos Next Generation estanse deixando sentir no desenvolvemento económico galego? De que maneira?

Lamentablemente estes Fondos non están respostando ás expectativas postas sobre os mesmos. Confiemos en ser quen de reverter esta situación.
 

-Se ben se falaba antes dunha mellora no emprego e actividade económica, estariamos diante dunha mellora que podería desaparecer en canto os Fondos da UE deixen de chegar?

Está por ver, o que sí está claro é que o comportamento non poderá ser tan salientable pola súa propia dinámica interna.

 

-A pesar da mellora en índices de emprego o informe fala de diminución da demanda externa e interna. Son estes os efectos da actual inflación? Se esta inflación persiste, cales son as recomendacións do Foro polo menos para unha freada da mesma?

A inflación, desbocada nalgúns artigos, está influenciada por condicionantes externos que non están na nosa man. Porén, nos que temos marxe da acción semella que hai problemas na cadea de distribución pendentes de solucionar. A creación de prometido Observatorio de prezos é unha asignatura pendente e urxente.
 

-Tres sectores destinados á exportación: téxtil, automóbil e pesca en 2023 experimentan lixeiras caídas. Débese isto tamén á crise de mobilidade comercial ou é o comportamento debido á oferta dos mesmos produtos máis baratos doutros lugares?

No máis inmediato a crise do trafíco marítimo está afectando en grande medida, pero hai que seguir facendo fincapé na ameaza que supón a deslocalización.

 

-Despois da análise coxuntural, cales serían as recomendacións do Foro Económico Galego para situar a Galicia polo menos en posicións de mellor competitividade?

Por resumir unha pregunta de resposta complexa: formación, innovación, crecer en tamaño empresarial e planificación estratéxica.


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE