O cártel do leite fulminou miles de explotacións leiteiras

A Audiencia Nacional daba a razón a quen denunciara a existencia dun cártel do leite que fixaba prezos á baixa, repartíase roteiros e mercados. Ademais, a maioría poderán cobrar indemnizacións “polo usurpado”. Polo camiño quedaron miles de explotacións que non puideron facer fronte á subida constante de insumos con prezos que non compensaban o esforzo


|

Vacasleiteiras
Vacas leiteiras

O mercado lácteo español é deficitario o cal debería traducirse nuns prezos máis que satisfactorios para os produtores por litro producido. Con todo, o paradoxo foi durante moito tempo prezos baixos a produtores por parte das empresas lácteas. Ademais, e como consecuencia do anterior, desde o ano 2000 foron miles as explotacións lácteas que pecharon ante os insuficientes prezos que, sen sabelo, pactaran os integrantes da industria. Ante unhas baixadas de prezos fóra do esperado e uns comportamentos estraños en canto á recollida do produto, sindicatos do sector decidiron actuar en consecuencia.
 

PREZOS COORDINADOS

O presidente de Unións Agrarias (UUAA), Roberto García, lembraba o pasado 22 de febreiro que foi a súa organización a que presentou unha denuncia ante a Comisión Nacional da Competencia. A base era a necesidade de cambios na negociación de prezos entre produtores e industria láctea e permitir que os primeiros puidesen vender libremente á empresa que eles elixisen.

 

Esta acción comezaba no ano 2000 e ao final tivo que ser a Audiencia Nacional quen dese a razón aos representantes dos gandeiros. “Nese momento denunciamos que a industria se repartía roteiros, mercados e fixaban prezos” di Félix Porto de UUAA. “Esperamos doce anos para ver que ao final se nos deu a razón”. “Esta decisión non se pode recusar, a parte, os custos xudiciais entendemos que recaerán sobre algunhas empresas” sinala José Luis Pérez Barreiro de Agromuralla.

 

Con todo, o custo humano foi moi elevado. Pecharon miles de explotacións por non poder facer fronte a unha situación na que os gandeiros non puideron facer fronte aos gastos. Entre 2000 e 2011 UUAA calcula que cada explotación debería recibir un 10% máis por cada litro de leite que se pagaba a 33 céntimos.

 

CONTINÚAN AS MESMAS PRÁCTICAS?

Aínda que todas as persoas que estaban activas durante o período denunciado poden acceder ás indemnizacións, aínda se están calculando as porcentaxes e totais a pagar. “Estamos nun proceso de pericial, necesitamos saber ata onde chegou o dano feito, pero entendemos que son cantidades importantes” di Porto.
 

A Comisión Nacional da Competencia analizou documentos, emails e datos para chegar á conclusión de que si existían un cártel. Agora, a industria debe pagar de forma solidaria. Con todo, pódese dicir que o cártel desapareceu? “É difícil probar a súa existencia pero estes días anunciáronse baixadas de entre 2 e 4 céntimos, seguindo o mesmo patrón anterior".

 

“Agora será máis difícil de probar porque estarán alerta, aínda así existen organismos fiscalizadores para poder denunciar e recoller probas” destaca Félix Porto, quen tamén sinala: “nestes momentos volvemos ao mesmo, nun ano o prezo do leite baixou un 25%. Demostrar se se organizou de novo un cártel? É difícil demostralo”. “Débese aplicar a Lei da Cadea Alimentaria que prohibe a venda por baixo de custos de produción” di Pérez Barreiro.

 

Desde a sentenza da Audiencia Nacional as organizacións agrarias están expectantes ante novos movementos sobre os prezos do leite. Por outra banda, os gandeiros ante situacións como a vivida durante case dúas décadas ven como o sector non rende como debese e as novas xeracións abandonan a actividade.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE