(RESUMO) O granate do Pontevedra CF báñase de bronce co cuarto ascenso no que vai de século
Os de Yago Igrexas recuperan o seu sitio en Primeira RFEF dous anos despois do seu descenso.
Hoxe é un luns un pouco menos luns a beiras do Lérez. A Boa Vila espertouse aínda con resaca e cun enorme sorriso pola reconquista que protagonizaron os pupilos de Yago Igrexas, un técnico que devolveu ao equipo da cidade a Primeira RFEF nun novo ascenso para o Pontevedra CF, afeito ser ascensor neste século, onde xa foron até catro as festas de ascenso no novo milenio.
UN DÍA PARA O RECORDO
A tempada dos granates foi para enmarcar: sólidos de principio a fin en Segunda RFEF, unha categoría con algún coco como Numancia ou Real Avilés, e matagigantes en Copa do Rei, onde só o Xetafe puido apealos de facer a machada de plantar entre o oito mellores de España despois de eliminar a Vilarreal e Mallorca, vixente subcampión do torneo, ademais de deixar na cuneta a outro rival de dúas categorías por encima dos pontevedreses como o Levante, hoxe pugnando por liderar a Segunda División.
No relativo ao partido co que selar o ascenso, o Pontevedra goleou ao Laredo nun encontro que foi unha festa practicamente os 90 minutos. O capitán Álex González abriu a lata cando só corrían cinco minutos no luminoso. Arrubarrena igualou pronto, pero Yelko Piñeiro fixo as diferenzas á media hora de xogo e un autogol permitiu ao Ponche ir ao descanso con 3-1.
Arrubarrena recortou distancias e apertou o marcador no 60, pero Igor Irazu, o máis cachorro de todos, selou o ascenso a falta de cinco minutos para o final, levando o deirio a Pasarón, coa muralla granate saltando na bancada de costas ao campo.
ARRIBA, ARRIBA
Louzán foi o encargado de entregar a copa que acredita ao Pontevedra como campión de liga, tendo en conta que restan seis puntos por xogar e a distancia entre os galegos e o cadro soriano é de oito puntos. O Pontevedra, ao que non se lle ve o pelo por Primeira División desde os 70, é un histórico nisto de celebrar ascensos. Salvo 20 anos que estivo a penar en Segunda B -desde a tempada 83/84 até o último ascenso a Segunda-, celebrou polo menos un ascenso en cada década desde o seu nacemento -e, consecuentemente, chorado algún descenso nese tempo-.
Este século son xa catro celebracións por promocionar de categoría. Empezou na 2003/04, ano no que rompeu a seca de dúas décadas en Segunda B. A volta a Segunda foi breve e caeu ao pozo só un ano despois. A caída foi máis profunda do esperado, pois en 2011 o Pontevedra dá cos seus ósos en Terceira División. En 2015 queda campión e regresa á B, perdendo o bronce pola reestruturación do campionato. Foi un visto e non visto, pois o Pontevedra foi o primeiro campión da historia de Segunda RFEF, aínda que, de novo, só un ano en Primeira RFEF para tratar de asaltar a categoría novamente, algo que lle levou dúas tempadas, cun subcampeonato e un título neste 2025.
Yago Igrexas tamén se está conviertiendo nun especialista nestas lides, xa que co Compostela tamén puido saborear un ascenso. Agora o obxectivo é estabilizar ao club en Primeira RFEF e soñar cun regreso ao fútbol profesional. Por agora, toca gozar do éxito e festexar, que foron 32 xornadas longas e de loita. En Pontevedra saben ben o que é iso, porque hai que roelo.
Escribe o teu comentario