A Copa de Polonia ten acento galego con Miki Villar e Álvaro Ratón
O extremo de Nigrán e o gardameta do Carballiño fan historia no Wisla, un histórico en horas baixas.
Nunca saíran de España, pero cando o Wisla Cracovia chamou á porta dos galegos Miki Villar e Álvaro Ratón sabía que estaba a fichar a dous valores seguros. O extremo de Nigrán, cun ascenso fulgurante nos últimos anos, percorrera practicamente todas as divisións do fútbol nacional, mentres que o cérbero do Carballiño era un veterano no Real Zaragoza, onde crecera como profesional e como persoa tras rebotar por varios equipos da xeografía española. Este verán fixeron as maletas e fóronse a Polonia, a un equipo que, a pesar de xogar en Segunda, é un dos históricos do fútbol europeo. A aposta non puido saírlles mellor.
O CEO DE VARSOVIA
As carreiras de Villar e Rato foran até agora modestas. Algún ascenso no fútbol semiprofesional, boas actuacións na Segunda División, o agarimo de bancadas con historia como Pasarón, San Lázaro, A Romareda... Con todo, non sabían o que era levantar un título. Agora xa si, despois da xesta conseguida onte en Varsovia . O seu Wisla, que se coou até a final do torneo do K.O. deixando na cuneta a rivais como o Lechia, do tamén galego Luís Fernández que lidera a segunda, ou o Lodz, da Ekstraklasa, chegaba ao minuto 95 perdiedo 1-0 contra o Pogon, tamén de primeira.
Todo parecía perdido ata que no 98, co tempo xa cumprido, o porteiro sacou unha falta desde o centro do campo, un balón peiteado na frontal e Eneko Satrustegui, outro español, embocó para delirio dos afeccionados da 'Estrela Branca'. O tanto reanimou aos de Cracovia, que con Miki Villar no verde arrincaron con ímpeto a prórroga, onde Rodado, o goleador do equipo -como non, español-, aproveitou un fallo da defensa para encarar e establecer o definitivo 1-2 co que o Wisla proclamouse campión e escribiu unha das páxinas máis douradas da súa historia.
A POR MÁIS?
É o primeiro título do club en máis dunha década. Rato, que viña sendo o gardián titular da portaría no cadro polaco, foi suplente nos dous últimos choques, mentres que Villar adoita ser un home de refresco. Outros coñecidos da liga, como o ex do Celta David Juncá ou os ex do Lugo Anxo Baena e Marc Carbó tamén se proclamaron campións da Copa en Polonia.

Agora, despois deste gran éxito que lles abre as portas da Supercopa e de xogar en Europa o ano que vén, o obxectivo pasa por lograr o ascenso. O Wisla, que non gañaba un título desde facía máis dunha década, aspira a regresar a Primeira, pero o ascenso directo parece imposible. A falta de catro partidos, está a nove puntos do ascenso directo, polo que fía todo a un playoff mortal que non ten garantido aínda. O alegrón copeiro pode darlles un plus nesta recta final. Sería outro mérito engadido ao currículo de Villar e Rato, que estrean un título profesional. Oxalá só sexa o primeiro de moitos.
Escribe o teu comentario