O I Campionato 'Galicia Pádel Máster' celebrarase a finais de xuño en Pontevedra
Concertos de Celtas Curtos, La Frontera e a Garda, ou a actuación do humorista Jorge Cremades como DJ, son algúns dos atractivos do evento.
O primeiro campionato internacional 'Galicia Pádel Máster', promovido por A1 Pádel na comunidade, terá lugar en Pontevedra entre o 24 e o 30 de xuño.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, a vicepresidenta, Luisa Sánchez, e o presidente de A1Pádel, Fabrice Pastor, presentaron este xoves este evento que instalará no Pavillón Municipal unha cancha na que xogarán os mellores xogadores do circuíto, "reforzando o posicionamento da provincia como a casa do deporte".
Ademais do Pavillón Municipal de Pontevedra, no Recinto Feiral instalaranse outras tres pistas que acollerán un segundo torneo de categoría amateur.
"Pontevedra vai competir con cidades como Nova York, Montecarlo ou Cidade do Cabo", apuntou Fabrice Pastor.
O evento deportivo inclúe diversas actividades paralelas para que "isto sexa a festa do pádel", como son charlas e 'clínics' de personalidades do mundo do deporte, como Toni Nadal ou Almudena Cid até unha zona de exposición e zona de 'foods trucks'.
Tamén haberá concertos, como o que o venres 28 de xuño darán na chaira exterior do Recinto Feiral os grupos Celtas Curtos, La Frontera e a Garda, co humorista Jorge Cremades exercendo de DJ.
Luís López apuntou que "os que proban Pontevedra por primeira vez, repiten", convencido de que a proba "será todo un éxito" e que no futuro haberá máis edicións.
Escribe o teu comentario